O BNG de Xove alerta dun desequilibrio financeiro de máis de 2,25 millóns na liquidación do orzamento de 2025

O BNG de Xove analizou no último pleno municipal a liquidación do orzamento correspondente ao exercicio 2025, un documento que recolle oficialmente unha necesidade de financiamento de 2.256.244,88 euros. Para a formación nacionalista, este dato confirma unha dinámica negativa que xa se viña rexistrando nos últimos anos, lembrando que no exercicio anterior, o de 2024, a cifra acadara os 3.554.814,95 euros.
Durante o debate plenario, o BNG lembrou que xa advertira no mes de decembro de 2024 de que o orzamento aprobado para 2025 non se axustaba á realidade do concello. Segundo indicaron, “é evidente que ninguén quere verse nesta situación, máis aínda tendo en conta o que recolle a interventora no seu informe sobre a peculiaridade do noso concello, pero as previsións debían ser máis realistas”.
A formación fixo especial fincapé na situación industrial e no impacto do apagamento, que recoñeceu como unha causa de forza maior. Con todo, explicou que a previsión real era que a actividade se recuperase de maneira progresiva ao longo do ano, co arranque das cubas no primeiro trimestre e unha actividade case completa no mes de outubro. Isto, engadiron, implicaba que non se poderían recuperar cifras previas a 2023 ata o último trimestre do exercicio, tendo en conta ademais o sistema de alta de ALCOA no IAE. A pesar diso, o orzamento elaborouse contando con ingresos próximos aos 3 millóns de euros, cando nos exercicios anteriores os ingresos reais por este concepto foran moi inferiores.
Para o BNG, esta maneira de elaborar as contas municipais proxecta unha imaxe de normalidade que non se corresponde coa situación real e acaba derivando nun desequilibrio que se confirma posteriormente na liquidación orzamentaria.
A formación nacionalista tamén se referiu á evolución do remanente de tesourería nos últimos anos. Dos preto de 19 millóns de euros existentes en 2023, quedan na actualidade arredor de 8,5 millóns dispoñibles, o que supón unha diminución de case once millóns de euros en apenas tres anos. Segundo sinalaron, “non é que non queiramos que se utilicen eses cartos, senón que entre parches e modificacións de crédito seguen sen acometerse infraestruturas clave, como a mellora da rede de abastecemento”.
Finalmente, o BNG cuestionou que non se vaia elaborar o Plan Económico-Financeiro que correspondería a un escenario de inestabilidade orzamentaria, indicando que, segundo a información trasladada, non existen máis directrices que unha interpretación flexible por parte da administración autonómica. A formación agarda que este criterio se aplique con igualdade a todos os concellos e non só a aqueles gobernados polo Partido Popular. Desde o BNG de Xove confiaron en que o equipo de goberno saiba afrontar esta situación con responsabilidade, pensando no interese da veciñanza e no futuro do concello.