O BNG de Xove, a favor de subir o IBI que afectará a multinacional Alcoa
No último pleno ordinario de Xove, votouse a suba do IBI que afecta unicamente á multinacional americana Alcoa. Isto implica unha suba dende o 0,6 ao 1,6 que permitirá recadar ao Concello uns 190.000 euros. Dende o grupo nacionalista defenden que unha empresa, por moi multinacional que sexa, "ten que pagar os impostos que lle corresponden ao igual que os pagamos os veciños e veciñas de Xove". Posicionarse en contra desta suba dun punto que permitiría recadar uns
190.000 euros neste momento de incertidume económica parécenos temerario xa que permitiría seguir garantindo uns servizos de calidade.
"Esta suba dun punto non nos parece algo desorbitado para unha multinacional que factura millóns de euros anuais e tampouco, dende logo, afectaría á instalación de novas empresas de darse o caso", din. Igualmente advirten de que o Concello de Cervo leva varios mandatos "aplicando esta porcentaxe e non entendemos o porque de renunciar a este
ingreso durante todos estes anos". Uns ingresos que beneficiarían ao total da veciñanza de Xove e que de multiplicalo polos anos que non se aplicou, "poderíamos botar as mans á cabeza".