O BNG de Viveiro volve pedir melloras no paseo do Landro pola súa inseguridade

AMariñaXa
O BNG de Viveiro volve sacar no Pleno a situación do paseo fluvial do Landro do que din é un problema de seguridade
paseo landro viveiro
30 Xan 2022

O BNG de Viveiro volve sacar no Pleno municipal a situación do paseo fluvial do Landro do que din " as madeiras do chan nas zonas de máis humidade deste paseo se están a converter en verdadeiras pistas de patinaxe, sendo numerosas as veciñas e veciños que caeron e mesmo que tiveron que ser trasladadas ao hospital con lesións e roturas de diferente gravidade".

Xa vai máis dun ano desde que o BNG denunciou a situación na que se atopa dito paseo "unha problemática que xa se deu noutros moitos concellos con pasarelas deste tipo, resolvéndose coa colocación de malla metálica ou plástica grapada ás madeiras, sendo cada vez son máis o número de concellos que se sumam a esta solución, como recentemente remata de facer Ribadeo", din os nacionalistas.

"A colocación da malla permitiría a utilización deste fermoso e agradable paseo durante todo o ano, cun custo mínimo e perfectamente asumible. Unha malla que, ademais de ser antiescorregante e previr o risco de caídas, suporía un aforro en canto ao mantemento das pasarelas minimizando o número de limpezas anuais e alongando a vida dos tablóns", endairon.

Tamén no 2017 "propoñiamos unha mellora da contorna ambiental identificando especies invasoras como eucaliptos e plumachos, tomando medidas para a súa eliminación progresiva e recuperando as especies propias da nosa ribeira. Tendo en conta que esta contorna está incluída na Rede Natura 2000, é posible acadar fondos económicos europeos para recuperar esta zona e así poder desfrutar dun paseo envexábel para o desfrute da todas", din os viveirenses.

0.20158696174622