O BNG de Viveiro urxe ao PP a desbloquear a ordenanza de benestar animal pendente desde 2025

O BNG de Viveiro instou ao goberno local do Partido Popular a reactivar sen máis demora a tramitación da ordenanza municipal de protección e tenza de animais, un documento que, segundo lembran, quedou practicamente pechado e consensuado durante o seu paso pola Concellería de Medio Ambiente.
Desde a formación nacionalista explican que o borrador foi concluído a finais de febreiro de 2025, incorporando medidas orientadas a garantir o benestar animal e a mellorar a convivencia cidadá. Entre os aspectos recollidos inclúense a regulación das condicións de alimentación, hixiene e identificación dos animais, así como obrigas específicas para a tenza de cans potencialmente perigosos. O texto tamén contempla a posta en marcha dun sistema de control das colonias felinas a través do método CER —captura, esterilización e retorno— e establece un réxime sancionador graduado segundo a gravidade das infraccións.
A portavoz do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, sinala que “se deixou unha ordenanza completa, traballada e consensuada cos distintos grupos municipais, lista para a súa aprobación, quedando unicamente por definir as zonas destinadas ao esparexemento canino”.
Neste sentido, Cotelo lembra que este foi o único punto que quedou pendente na última reunión de portavoces, na que, segundo indica, o propio executivo local comprometeuse, en maio de 2025, a convocar un novo encontro para pechar este aspecto. “Porén, un ano despois seguimos sen noticias desa reunión, o que resulta difícil de entender cando o resto do documento está listo para ser aprobado”, critica.
A formación nacionalista advirte de que esta situación está a atrasar a entrada en vigor dunha normativa que consideran necesaria. “Trátase dunha ferramenta fundamental para regular cuestións que afectan ao día a día da veciñanza e ao coidado responsable dos animais”, subliña a portavoz.
Ademais, incide en que “non ten sentido manter paralizada unha ordenanza xa elaborada por non convocar unha reunión que o propio goberno se comprometeu a celebrar”, polo que insiste na necesidade de actuar con dilixencia.
Por todo isto, o BNG reclama ao executivo municipal que convoque “canto antes” unha nova reunión de portavoces que permita pechar os aspectos pendentes e levar a ordenanza ao pleno para a súa aprobación definitiva. “Viveiro non pode seguir agardando por unha norma necesaria e demandada; o traballo está feito e só falta vontade política para rematalo”, conclúe Cotelo.