O BNG de Viveiro rexeita os orzamentos de 2026 e denuncia falta de proxecto e transparencia

O BNG de Viveiro votou en contra dos orzamentos municipais para 2026 presentados polo Partido Popular ao considerar que se trata dunhas contas carentes de proxecto político, sen planificación definida e afastadas dos compromisos adquiridos coa veciñanza. Desde o Bloque diferénciase entre o labor técnico do persoal municipal, ao que recoñecen o esforzo por presentar os orzamentos en tempo e forma, e a responsabilidade política do goberno local, ao que acusan de improvisación e falta de xestión.
Segundo o BNG, nos documentos orzamentarios non aparecen partidas para actuacións consideradas fundamentais, como o abastecemento e o saneamento, a reforma da Praza de Abastos ou políticas activas para a captación de empresas. Tamén denuncian a ausencia dos máis de 370.000 euros comprometidos polo Partido Popular para o Conservatorio, unha achega que permitiría mellorar a situación do persoal e avanzar noutros proxectos estratéxicos para o concello.
O Bloque sostén que os orzamentos non inclúen proxectos propios nin unha folla de ruta clara, carecen de convenios asinados e recollen investimentos herdados do anterior goberno municipal que aínda están pendentes de execución, como o saneamento nas Aceñas. A falta de planificación, sinalan, chega ata o punto de que o propio goberno recoñece non ter definido o destino dos fondos de compensación ambiental.
Outro dos aspectos criticados é a continuidade das subvencións nominativas sen criterios claros nin concorrencia competitiva, deixando fóra a entidades do tecido asociativo que manteñen actividade ao longo de todo o ano, mentres o goberno municipal incorpora esas iniciativas á súa propia programación. O BNG tamén denuncia un uso ineficiente dos fondos públicos, como o pagamento duplicado dunha auditoría de servizos enerxéticos xa existente.
A estas críticas súmase a denuncia polo desenvolvemento do pleno no que se debateron e votaron os orzamentos, que se celebrou sen gravación nin emisión pública, rompendo coa práctica habitual de transparencia. A sesión tivo lugar na sala de Xuntas pese a existir outros espazos municipais que xa foran utilizados noutras ocasións e que permitirían condicións adecuadas para un debate público.
Desde o BNG lembran que nos anteriores orzamentos optaran pola abstención como xesto de confianza a un goberno recentemente constituído, unha posición que, aseguran, non se repite ante unhas contas que consideran afastadas da planificación, da seriedade na xestión do diñeiro público e da transparencia democrática que, ao seu xuízo, merece Viveiro.