O BNG de Viveiro rexeita a taxa municipal polas vodas civís

AMariñaXa
A formación cualifica de “inxustificada e desproporcionada” a proposta do PP de cobrar máis de 120 euros por cada cerimonia
BNG-Viveiro
31 Mar 2026

O BNG de Viveiro manifestou o seu rexeitamento á proposta que o Partido Popular pretende levar ao pleno municipal para implantar unha taxa de 120,72 euros pola celebración de matrimonios civís. A formación nacionalista considera que se trata dunha medida “desproporcionada e inxustificada”, ao entender que non responde aos custos reais do servizo.

Desde o grupo municipal sinalan que a estimación económica presentada polo goberno local non se axusta á realidade. A portavoz do BNG en Viveiro, Iria Cotelo, explicou que “os concelleiros e concelleiras non supoñemos ningún custo para o concello, xa que celebramos as vodas de maneira totalmente desinteresada, sen percibir retribución algunha”. Neste sentido, critican que o cálculo da taxa se basee no tempo dedicado á cerimonia tomando como referencia o salario bruto da alcaldía.

Ademais, o BNG cuestiona outros conceptos incluídos na proposta, como os gastos de conserxería e administrativos. Segundo indican, son os propios edís quen se encargan da apertura e peche das instalacións cando as vodas se celebran en dependencias municipais durante a fin de semana, mentres que o persoal administrativo tramita os expedientes dentro da súa xornada laboral habitual.

O grupo nacionalista lembra que os concellos teñen a posibilidade de establecer taxas por este tipo de servizos, pero subliña que non existe ningunha obriga legal de facelo e que son poucos os municipios que aplican este tipo de cobros. Neste contexto, consideran que a recadación que podería obter o Concello sería reducida, mentres que si suporía un prexuízo económico para as parellas que optan por un matrimonio civil.

Por todo iso, o BNG defende a exención desta taxa e aposta por garantir que o acceso ás vodas civís se realice en condicións de igualdade, sen cargas económicas adicionais para a cidadanía.

0.12451815605164