O BNG de Viveiro responde ás críticas do PP sobre o II Foro Económico

AMariñaXa
Os nacionalistas destacan que os poñentes convidados son dous catedráticos de referencia na economía galega
foro-economico-viveiro-2
18 Dec 2024

O BNG de Viveiro responde ás críticas expresadas polo PP sobre o II Foro Económico de Viveiro, expresando a súa sorpresa ante a cuestionamento da calidade do evento. O partido nacionalista destaca que os poñentes convidados son dous catedráticos de referencia na economía galega, cunha traxectoria profesional impecable e publicacións recoñecidas. O BNG considera que "quizais deberían revisar os seus currículums antes de lanzar críticas sen fundamento, porque non teñen nada que desmerecer".

A organización nacionalista destacou a elevada participación no foro, con máis de 60 representantes de empresas e autónomos de Viveiro e da comarca, o que demostra, segundo o goberno local, o "interese e preocupación do noso tecido empresarial". A concelleira de Promoción Económica, Iria Cotelo, afirmou que "os asistentes deixaron claro que Viveiro e A Mariña sofren un abandono histórico en infraestruturas, como a falta dunha VAC para Viveiro, unha demanda esquecida polo PP na Xunta".

O BNG tamén recordou o recente avance no apoio ao tecido empresarial mediante a adhesión ao programa ‘Concello Emprendedor’, que se presentou no pleno do 6 de novembro e que inclúe rebaixas de impostos de ata un 95 % no IBI, IAE e no imposto de construcións para aquelas empresas que xeren emprego e amplíen as súas instalacións. Cotelo subliñou: "Buscamos facilitar a implantación e crecemento das iniciativas empresariais en Viveiro, cun compromiso claro coa creación de oportunidades laborais".

Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldía, tamén foi contundente: "As conclusións do foro foron contundentes: A Mariña está abandonada, e se non nos salvamos nós mesmos, non o fará ninguén". Bermúdez engadiu que seguen agardando a que o presidente da Xunta nos reciba para falar precisamente da variante de Viveiro, unha reunión que solicitamos xa no mes de setembro.

O BNG conclúe afirmando que o goberno local "continuará traballando para que Viveiro teña o futuro que merece, mentres outros seguen a falar sen aportar solucións reais".

0.087601184844971