O BNG de Viveiro reclama á Xunta máis investimento real para a VAC da Costa e a variante antes de 2028

AMariñaXa
A formación nacionalista critica a “conformidade perigosa” do Goberno municipal cos orzamentos autonómicos e anuncia mobilizacións ante os continuos atrasos
Iria-Cotelo-BNG-Viveiro-1
2 Dec 2025

O BNG de Viveiro defende a moción aprobada no último pleno municipal para instar á Xunta de Galicia a incluír nos vindeiros orzamentos as partidas necesarias para avanzar na execución da VAC da Costa e, de maneira urxente, na variante de Viveiro. A voceira municipal, Iria Cotelo, subliñou que o grupo nacionalista esixe que o Goberno municipal remita xa este acordo á administración autonómica para que a nova infraestrutura estea operativa antes de 2028.

Cotelo advertiu que a postura do Executivo local resulta “moi preocupante”, xa que —afirma— dá por bos uns orzamentos autonómicos que recollen cantidades “claramente insuficientes e que ademais, ano tras ano, quedan sen executar”. A portavoz lembra que o seu grupo xa presentou emendas para introducir unha partida “realista e viable” destinada á VAC.

Segundo explica o BNG, cos propios datos da Xunta enriba da mesa, o custo da variante superaría os 100 millóns de euros, mentres que as contas autonómicas só prevén 10 millóns a partir de 2027. “Con estas cifras farían falta máis de dez anos para completar unicamente a variante de Viveiro”, sosteñen. O grupo nacionalista critica que o PP de Viveiro celebre estas previsións, o que —din— implicaría adiar a obra ata o ano 2040.

Para o BNG, a actitude do actual Goberno municipal repite erros do pasado. “Como hai 25 anos, o PP local, agora con Mariña Gueimunde á fronte, volve aliñarse totalmente coa Xunta e condena esta parte da Mariña a un atraso crónico en infraestruturas”, denuncian. Lembran tamén que tanto o Partido Popular como Por Viveiro prometeran a licitación da variante en 2025, “promesa que nin eles mesmos cren xa”.

A formación nacionalista insiste en que leva décadas combatendo os incumprimentos dos sucesivos gobernos do PP. “Un cuarto de século de atrasos deixou unha fonda ferida na comarca, tanto a nivel social como económico. É un dano case irreparable, pero debemos actuar con urxencia e determinación, e o PP non mostra nin vontade nin axilidade”, lamentan. Engaden que en máis de 20 anos a Xunta non foi quen de licitar “nin un só metro” de VAC, lembrando que os 17 quilómetros xa executados —entre os tramos Xove-Area e Ortigueira— foron licitados durante o mandato do BNG na Xunta.

O Bloque pecha advertindo que non aceptará “nin máis mentiras nin propostas insuficientes” e anuncia mobilizacións ante o que cualifican como unha “actitude inaceptable” do Goberno galego.

⚙ Configurar cookies
0.087010860443115