O BNG de Viveiro propón crear unha rede de Centros de Interpretación
Míriam Bermúdez, concelleira do grupo nacionalista de Viveiro, propón crear unha rede de Centros de Interpretación no Concello. "A día de hoxe Viveiro non ten desenvolto coa contudencia que se require, inciativas para poñer en valor o gran potencial co que se conta a nivel de patrimonio histórico-cultural. Non contamos con un só centro de interpretación nin museo e non será por non ter patrimonio que mostrar", asegura Bermúdez.
"Se quixeramos actuar seriamente non deberíamos facer uso da palabra museo á lixeira como ás veces se fai. A definición de museo está recollida na lei. A de colección visitable, tamén. Outra cousa son os centros de interpretación do patrimonio ao que, nesta iniciativa, nos imos referir", engade.
Viveiro pode pór en valor o seu patrimonio creando centros de interpretación patrimonial. "Se cadra, no futuro, algún destes centros poderían dar pé á fundación dun museo", di Bermúdez.
A concelleira puntualiza que "estes centros poderían estar instalados nalgún edificio do Casco Histórico e tamén fóra del, sempre dende unha perspectiva de rehabilitación e dinamización. Non terían que estar abertos a diario nin atendidos permanentemente. Serían visitados dentro das actividades de visitas turísticas, culturais ou escolares."
Segundo o BNG Viveiro tería que contar cun centro de interpretación patrimonial sobre a Industria Conserveira. Podería estar en Celeiro e aproveitar unha edificación que no seu día foi un dos fabriquíns de conserva, unha Casa da Imprenta, no casco antigo de Viveiro, aproveitando antigas maquinarias e que recollese a historia destes estabelecementos que no pasado existiron na vila, unha Casa do Chocolate, tamén no casco histórico, na que se poña en valor estas pequenas industrias chocolateiras, un centro de interpretación da Mina da Silvarosa e un centro de interpretación patrimonial dedicado á Industria.