O BNG de Viveiro presenta unha moción para promover a normalización do galego
A portavoz do Bloque Nacionalista Galego de Viveiro e tenente de alcaldía, Míriam Bermúdez García, presentou no pleno municipal unha moción dirixida a abordar a situación crítica que atravesa a lingua galega e a promover medidas concretas para a súa normalización.
Bermúdez destacou os preocupantes datos feitos públicos recentemente polo Instituto Galego de Estatística, que revelan o descenso drástico no uso habitual do galego e o aumento da porcentaxe de nenas e nenos que non son quen de expresarse nesta lingua.
"Esta situación, froito de quince anos de políticas discriminatorias do Partido Popular na Xunta de Galiza, urxe a adopción de medidas contundentes e eficaces para reverter o abandono institucional ao que foi sometida a nosa lingua propia", sinalou Míriam Bermúdez.
A moción, que insta ao Concello a asumir un papel activo na promoción do galego, inclúe os seguintes acordos: reafirmar a defensa da lingua galega como patrimonio colectivo e dereito fundamental da poboación galega; revisar a actuación do Concello en materia lingüística, adaptándoa á normativa vixente e promovendo o uso do galego como lingua propia de Galiza; adherirse á Plataforma Queremos Galego, apoiando activamente as iniciativas sociais que esta promove en defensa e afirmación da nosa lingua; e trasladar os acordos plenarios ás institucións competentes, como o Parlamento de Galiza, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, e á propia Plataforma Queremos Galego.
Beatriz Lage, responsable local do BNG, manifestou o seu apoio contundente á moción: "A normalización do galego non é só unha responsabilidade política, é tamén unha cuestión de xustiza histórica e de compromiso co noso futuro como pobo. É o momento de que Viveiro dea un paso adiante."
O BNG de Viveiro anima a toda a veciñanza a sumar esforzos e compromiso para garantir que o galego siga vivo, presente e transmitido ás xeracións futuras, como parte fundamental da nosa identidade colectiva.