O BNG de Viveiro presenta un balance da súa actividade como oposición durante o ano

TerraChaXa | AMariñaXa
23 Xan 2019

O grupo municipal do BNG fixo este mes unha valoración do traballo realizado os pasados días, que segundo indicaron "fomos quen de poñer o foco nos principais problemas do concello e nas preocupacións e inquedanzas da veciñanza e fumos quen de facer unha oposición construtiva desde a rúa para dar resposta aos mesmos, porque cremos e apostamos por un modelo de vila viva e dinámica e con futuro para as novas xeracións, polas que estamos convencidas de que merece a pena loitar arreo e, é por isto fundamentalmente, polo que o BNG non entende a pasividade e o desinterese do goberno municipal de María Loureiro que ven amosando ante a práctica totalidade de iniciativas presentadas no concello polos nacionalistas, e nin que dicir ten a actitude negacionista da Xunta do PP ante as nosas reivindicacións e demandas, as cales consideramos que son propostas todas elas feitas en positivo e positivas para Viveiro porque se fan eco das demandas, preocupacións e queixas das nosas veciñas e veciños e son propostas que intentan aportar solucións, e non poñerlle paos na roda, ao goberno municipal. O Bng lamenta que o goberno do psoe perdera a oportunidade de darlle resposta ás demandas da veciñanza, e que so obtivera e obteña o seu silencio e menosprezo e nas últimas semanas incomprensiblemente descalificacións e saídas de tono da alcaldesa ante algunhas das iniciativas impulsadas pola nosa organización durante o 2018".
O BNG subliñou as iniciativas, demandas e actuacións realizadas na defensa da Sanidade pública de proximidade e de calidade "e na loita pola recuperación deste dereito básico e innegociable". Por outra banda, "ante a situación de degradación medioambiental e problemática económica e social que sufren a Ría e da Praia de Covas desde hai décadas desenvolveu, e seguirá desenvolvendo, diferentes iniciativas co fin de reclamar o saneamento integral da nosa ría para recuperala como motor económico, social, ambiental e turístico de Viveiro e colaborou cos movementos veciñais na defensa pola rexeneración da Praia de Covas". Neste senso preguntou sobre as causas da riada e a limpeza do río que asolagou Xunqueira e causou a morte dunha veciña.
Así mesmo, lembrou que presentaron iniciativas ao goberno de María Loureiro para condenar con contundencia o machismo e a xustiza inxusta e na defensa pola igualdade real entre mulleres e homes. "No ámbito da Lei pola recuperación da Memoria histórica o bng non quixo deixar pasar a oportunidade de apoiar a Galiza Nova e a comunidade educativa do CEIP de Celeiro para a retirada do nome do fascista A Pedrosa Latas deste centro de ensino público e solicitou o apoio do concello de Viveiro para os 19 de Meirás, activistas para os que pide a Fundación Francisco Franco e a familia Franco ata 247 anos de cadea por unha acción simbólica e pacífica para reclamar a devolución do Pazo de Meirás para o pobo, apoio que ata o día de hoxe non recibiron por parte deste concello", indicaron.
A política cultural municipal foi tamén motivo de crítica. O BNG propuxo a creación dunha rede de centros socioculturais municipais para optimizar o uso racional e eficiente e o equipamento e patrimonio cultural de titularidade municipal. Ademais de propoñer ao goberno municipal a recuperación e conservación de patrimonio emblemático do concello propúxolle, "sen éxito", á alcaldesa que o concello declarase o 24 de febreiro, día no que naceu a figura máis importante do primeiro renacemento galego, Día de Rosalía de Castro, "para poñer en valor a nosa lingua, a nosa identidade e a figura da nosa escritora máis universal, en definitiva para preservar o noso patrimonio cultural e a nosa propia historia. A proposta, por certo, caeu en saco roto".
En materia de infraestruturas viarias e urbanismo desde o BNG defenderon o tren de proximidade e por iso se mobilizaron, xunto coa veciñanza e outros políticos, "para denunciar o desmantelamento que ven sufrindo dende hai tempo o servizo de FEVE, un servizo esencial para a vertebración e desenvolvemento económico e social do noso país e demandarlle á Xunta e goberno estatal investimentos para a súa mellora".
Por outra banda, presentaron iniciativas para exixir melloras e acondicionamento de estradas de ámbito local, comarcal e autonómico, ao seu paso polas parroquias do termo municipal, e propuxeron a posta en marcha dun plan de supresión de puntos negros existentes ao largo e ancho do concello "que poñen en perigo diariamente á veciñanza, así como numerosas medidas que contribuirían a rebaixar a siniestralidade na travesía de Covas, ao mesmo tempo que reclamamos medidas de seguridade nas edificacións en estado ruinoso do concello, e propuxemos ao goberno municipal, ademais, medidas a desenvolver no casco urbano para camiñar cara un modelo de vila habitábel, saúdabel, segura, integradora e limpa e apostamos polo noso comercio local e así o apoiamos", engadiron.
Finalmente, o BNG de Viveiro levaron a cabo unha recollida de sinaturas no mes de decembro "contra esta estafa eléctrica, para demandarlle á Xunta do PP a adopción de medidas prácticas para a diminución do prezo da mesma, como son unha tarifa eléctrica propia para Galiza, das que se beneficiarían as familias e empresas asentadas no territorio galego, como é o caso de Alcoa e como xa están a beneficiarse as empresas do País Vasco a través da súa tarifa diferenciada".

0.13835096359253