O BNG de Viveiro presenta alegacións contra a suba da auga
O BNG de Viveiro, a través da sua concelleira Miriam Bermúdez, vén de presentar alegacións en contra unha nova subida da tarifa da auga en Viveiro. O Goberno Municipal defendeu novamente á empresa Viaqua para aplicar o máximo incremento posible na tarifa de abastecemento e saneamento "sen ningún tipo de xustificación, isto é, un aumento do 3,8% conforme á variación do IPC".
"Foi o Goberno do PSOE en 2003 cando, a petición de Viaqua, modificou o contrato da auga para incluír o IPC como escusa para subir os prezos de forma desproporcionada, algo actualmente fóra da lei, e nun paso cara a privatización e mercantilización dun ben fundamental", di Bermúdez, "En todo caso, o contrato recolle que o IPC será o máximo incremento que se poida aplicar ás tarifas, sempre que isto quede xustificado".
O criterio de máximos foi recollido no informe de Xestión Tributaria, e "nun exercicio de oscurantismo ocultado na proposta da alcaldesa que foi levado ao Pleno. Sen embargo, sen ningún tipo de xustificación, o Goberno do PSOE aumenta as tarifas ao máximo, como veu facendo de forma reiterada outros anos, co único voto en contra do BNG. Bermúdez advirte que tras este “tarifazo”, o ano que vén o PSOE aplicará outro peor, xa que o incremento do IPC é enorme".
O BNG leva solicitando dende a última subida, fai un ano, que se xustifique o custo real que lle supón á veciñanza o recibo da auga. A nova suba, "nin sequera repercutirá nun mellor servizo ou melloras na envellecida rede, senón directamente aumentará os beneficios da empresa concesionaria".