O BNG de Viveiro preguntará sobre o control das mimosas
O BNG de Viveiro mostrou a súa preocupación pola propagación das coñecidas como mimosas no ecosistema galego. A inteción da súa voceira é preguntar no próximo Pleno se o Goberno Local ten realizado algún tipo de estudo sobre o avance da acacia dealbata. Queren saber si se estudou nalgún momento como prever e controlar esta especie e os tipos de tratamento para a súa erradicación e si se mirou a posibilidade de axudas ou convenios de colaboración coa Xunta de Galiza, Goberno do Estado, Unión Europea.
A acacia dealbata, coñecida tamén como "mimosa", é unha especie exótica que está catalogada como invasora sendo unha ameaza para os ecosistemas e especies autóctonas, transformando os hábitats con gran rapidez e impidindo a rexeneración da vexetación natural coa conseguinte perda da biodiversidade. A proliferación da "mimosa" tamén está ocasionar graves prexuízos na economía, especialmente na produción agrícola, gandeira e forestal.
Esta especie xa está moi desenrolada noutros municipios e inzouse de maneira moi preocupante en Viveiro nos últimos anos, tal e como podemos ollar en prácticamente todas as parroquias do noso concello e os seus montes, aínda así, a día hoxe pode ser controlada para que os custes no futuro non sexan maiores e os danos irreversíbeis.