O BNG de Viveiro pide melloras nas gravacións dos Plenos

AMariñaXa
O BNG de Viveiro considera que o goberno debe optimizar o mecanismo das gravacións dos Plenos municipais para a visualización correcta
camara television video
28 sep 2022

O BNG de Viveiro considera que o goberno debe optimizar o mecanismo das gravacións dos Plenos para chegar ao máximo de persoas posible, e solicita ao pleno da corporación local a adopción de melloras como a calidade das gravacións ou publicar os asuntos do día nas redes sociais.

"Cremos na transparencia como unha ferramenta que posibilita a participación cidadá nos asuntos públicos, o que se traduciría nunha mellora da xestión municipal", din.

Un dos mecanismos propostos polo BNG en setembro do 2019 para avanzar na democratización e transparencia do Concello de Viveiro, foi a emisión en directo das sesións plenarias a través das novas tecnoloxías, e de habilitar un espazo onde aloxar estas gravacións coa fin de posibilitar o dereito á información daquelas veciñas e veciños que non poden asistir ás sesións plenarias, para que podan realizar a súa visualización en calquera momento. Dous puntos da moción que foron aprobados por unanimidade.

"Dende que a emisión dos plenos comezou a realizarse a través de Youtube en xuño do 2020, son moitas as queixas da veciñanza debido aos problemas de audio que se dan nas gravacións, como micrófonos que non funcionan, acoplamentos dos sons, voces en bucle ou ecos que levan ás persoas que queren visualizar o pleno a desistir, ao non poder seguilo con normalidade. Problemas que o BNG rogou ao goberno en varias ocasións que solventara", engaden.

"Se temos en conta que a veciñanza asistente ás sesións plenarias, non chega habitualmente á ducia, e que as gravacións dos plenos ordinarios sobrepasan na maior parte das 100-200 visualizacións chegando ás 546 en setembro do 2021, podemos concluír que si que existe interese da veciñanza por seguir o debate da política municipal, e que as gravación dos plenos é un mecanismo que cumpre co obxectivo de achegar información á veciñanza", rematan dicindo.

0.086471080780029