O BNG de Viveiro pide habilitar os aseos no templete de San Roque
O BNG vén de informar que solicita ao pleno da corporación local que se habiliten os aseos no templete de San Roque. A nacionalista, Miriam Bermúdez, explicaba que "no verán de 2019 viviamos na comarca unha das maiores consecuencias de non prever os medios sanitarios necesarios en eventos que congregan moita xente. Máis de 80 mulleres foron gravadas cunha cámara oculta, nunha situación íntima durante as festas da Maruxaina de Cervo, e o resultado das gravacións foi nalgún caso subido a páxinas pornográficas".
"Os aseos públicos habilitados eran insuficientes, ao igual que ocorre no Concello de Viveiro durante eventos multitudinarios: Semana Santa, Mercado Renacentista, festas de San Roque, eventos que teñen lugar nos Xardíns Noriega Varela, ou mesmo en época estival pois Viveiro chega a triplicar a súa poboación", di Bermúdez.
"Existen baños públicos noutros lugares, mais en pleno casco histórico non se conta con este servizo a pesares de existir instalacións para tal fin como son os aseos ubicados nos baixos do Templete da Música, e que dende o BNG instamos xa o agosto pasado, a realizar os trámites necesarios para reabrirlos.", di Bermúdez.
Outra das ubicacións máis concurridas do Concello, San Roque, tampouco conta con este servizo a pesar de existir instalacións sanitarias propiedade da Comunidade de Montes, fóra de uso.
"As condicións de limpeza e salubridade das rúas do casco histórico en época festiva a parte de insana roza o repulsivo, primeiro para as persoas que vivimos aquí e segundo para as persoas que visitan un concello que presume de servizos para o turismo", engade a nacionalista.