O BNG de Viveiro pide explicacións ao PP pola contratación da empresa redactora da ESE

AMariñaXa
Os nacionalistas denuncian a paralización dun traballo xa avanzado e cuestionan a falta de transparencia no maior contrato da historia municipal
Iria-Cotelo-BNG-Viveiro-2025
26 Dec 2025

O BNG de Viveiro reclamou explicacións ao actual goberno municipal do PP pola decisión de rescindir o contrato coa empresa que estaba a elaborar os pregos para a licitación dunha Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE) e substituíla por outra firma vinculada ao antigo voceiro do PP de Lalín e ex alto cargo de AGADER, organismo dependente da Xunta de Galicia, que foi denunciado no ano 2021 por un presunto delito de prevaricación na adxudicación de subvencións.

A portavoz municipal do BNG, Iria Cotelo, advertiu de que se trata do maior contrato da historia do Concello de Viveiro, cun importe superior aos 12 millóns de euros, polo que considera imprescindible garantir o máximo rigor, transparencia e solvencia técnica en todo o procedemento. Segundo explicou, durante o mandato do BNG analizáronse diferentes opcións e contratouse unha empresa con ampla experiencia no sector enerxético para redactar os pregos da ESE, un traballo que estaba practicamente rematado e listo para ser licitado en poucas semanas.

Porén, tras o cambio de goberno, o PP decidiu paralizar o proceso, liquidar o contrato coa empresa inicial e contratar outra para o mesmo fin. O BNG denuncia que, malia as dificultades para acceder á documentación, puido comprobar que só se solicitou unha oferta económica á nova empresa, cuxa traxectoria profesional se centra principalmente no ámbito do turismo e na análise de viabilidade de residencias da terceira idade, sen experiencia acreditada no sector enerxético. A pesar diso, procedeuse á súa contratación sen pedir máis propostas, algo que contrasta, segundo Cotelo, coa práctica seguida polo anterior goberno, que solicitara ata tres ofertas antes de adxudicar o contrato a unha empresa especializada.

Os nacionalistas sosteñen ademais que os pregos remitidos á Xunta Consultiva de Contratación reproducen case na súa totalidade o traballo elaborado durante o mandato do BNG, cunha coincidencia superior ao 99 %, e incluso empeoran o documento ao eliminar criterios de mellora relacionados coa conciliación laboral do persoal. Engaden que a auditoría enerxética foi incorporada tal e como fora elaborada anteriormente, malia que o novo contrato incluía de novo a súa realización, o que supón, ao seu xuízo, que a veciñanza paga dúas veces por un mesmo traballo e a un custo máis elevado.

Desde o BNG tamén poñen o foco no papel que terá a empresa redactora na futura adxudicación do contrato, xa que unha parte moi relevante da puntuación depende de criterios suxeitos a xuízo de valor nos que a súa intervención será determinante. Por este motivo, pregúntanse se esta circunstancia tivo relación coa elección dunha empresa afín ao PP e se resulta axeitado que participe unha persoa sen experiencia no ámbito enerxético e que foi investigada por prevaricación.

A formación nacionalista considera que estes feitos evidencian unha forma de actuar baseada no que cualifican como política caciquil do Partido Popular e, ante a gravidade da situación, esixe explicacións públicas e a convocatoria dunha comisión informativa.

⚙ Configurar cookies
0.083585023880005