O BNG de Viveiro pide a reubicación dos maceteiros de Navia Castrillón
A concelleira do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, solicita ao goberno municipal a reubicación dos maceteiros de grandes dimensións situados pola beirarúa da Avenida Navia Castrillón, desde a Praza de Lugo até o bar Atlántico.
Segundo explican, trátase "dunha beirarrúa que ademais de ser estreita, soporta unha gran afluencia de xente onde estes grandes maceteiros constitúen un obstáculo á liberdade de movementos das persoas, incluídas as persoas con limitacións e/ou mobilidade reducida, incumprindo así a normativa da Lei de Accesibilidade e supresión de barreiras da comunidade autónoma de Galiza".
Desde o BNG "insistimos nesta demanda por segunda vez", pois Míriam Bermúdez xa trasladara esta necesidade á alcaldesa en marzo nunha comisión, "facendo caso omiso tal e como podemos observar".
ESTRADAS
Por outra banda, o BNG preguntou no pleno polas labores de roza que se teñen fixeron recentemente na parroquia de San Andrés de Boimente, "onde se rozaron camiños e pistas forestais de pouco tránsito e pola contra continúase sen rozar e nun estado urxente, a limpeza dos accesos municipais que son os realmente transitados e que forman parte dos accesos ás vivendas".
"Segundo se nos ten trasladado, tanto o Tenente de Alcaldesa como o Concelleiro de Obras foron informados desta situación mais non deron solución nin explicación algunha, polo que rogamos se informe dos motivos polos que os accesos ás vivendas desta parrquia continúan sen rozar, con tanta maleza que ademais de perigoso impide o paso de dous vehículos", afirmou Míriam Bermúdez.
"Hai dous anos propuxemos á alcaldía reservar un 2% do orzamento municipal e o 50% dos fondos do Plan Único da Deputación para o mantemento das estradas municipais, mais María Loureiro votou en contra pois segundo ela, xa tiñan o seu propio plan. Un Plan ou forma de organizar o mantemento de estradas que só funciona baixo denuncia pública; xa sexa veciñal, como nesta ocasión por redes sociais, e/ou política, levándoo a pleno como fixemos”, engadiu.