O BNG de Viveiro insta á Xunta a asumir as súas competencias no conservatorio

AMariñaXa
Presentarán unha moción porque defenden que a Consellería de Educación debe asumir a xestión integral
conservatorio-bng-viveiro
2 Dec 2024

O grupo municipal do BNG de Viveiro presentará no pleno do Concello unha moción para instar ao Goberno galego a asumir as súas competencias nos conservatorios municipais. Este paso precede á tramitación da iniciativa no Parlamento Galego, liderada pola deputada Cristina Fernández Davila, prevista para debate nos meses de xaneiro e febreiro de 2024.

Trasladan os nacionalistas que o custo do Conservatorio Municipal de Música de Viveiro en 2023 ascendeu a 1.141.676,22 euros, dos cales 1.097.967,88 euros destináronse a salarios e cotizacións á Seguridade Social, mentres que 48.708,94 euros foron empregados en electricidade, limpeza e mantemento. Pola contra, os ingresos totais do conservatorio sumaron 195.086,57 euros, procedentes de matrículas e achegas mensuais do alumnado (103.326,31 euros), dunha subvención da Xunta (76.760,26 euros) e dunha achega da Deputación (15.000 euros). Esta situación supón un importante esforzo económico para o Concello, que reclama unha xestión por parte da Xunta acorde coas súas competencias.

Na presentación da moción, Miriam Bermúdez García, tenenta de alcaldía de Viveiro, salientou o papel fundamental da veciñanza: “Queremos agradecer e poñer en valor a implicación do persoal e das familias vinculadas ao Conservatorio de Música, que están recollendo sinaturas de maneira activa para reforzar esta iniciativa. Agora mesmo, na entrada do Concello de Viveiro, as persoas interesadas poden apoiar esta proposta asinando os pregos dispoñibles”.

O BNG defende que a Consellería de Educación debe asumir a xestión integral dos conservatorios municipais, garantindo a igualdade de acceso ao ensino musical e aliviando a sobrecarga financeira que pesa sobre os concellos. Ademais, a moción propón a creación dunha rede de conservatorios profesionais comarcais para asegurar unha distribución equilibrada da oferta educativa no territorio galego.

Na fotografía oficial da presentación da moción, aparecen Miriam Bermúdez García e Daniel Castro, deputado do BNG no Parlamento Galego e representante da Mariña, simbolizando o apoio firme do grupo parlamentario a esta iniciativa.

0.16277503967285