O BNG de Viveiro insiste no acordo co parque das Irmandades da Fala

AMariñaXa
A portavoz municipal do BNG en Viveiro propón a aprobación de dous acordos relacionados con Antón Vilar Ponte e coas Irmandades da Fala.
vidreiras novo guerreiro viveiro
25 Apr 2021

A portavoz municipal do BNG en Viveiro, Miriam Bermúdez, vén de propoñer a aprobación de dous acordos relacionados con Antón Vilar Ponte e coas Irmandades da Fala.

"Neste mes de maio de 2021, queremos que se recupere o mural de vidrieiras doado polo señor Novo Guerreiro no 2011 e, tendo en conta a opinión do donante e do artista Xosé Luis Neira Brochs se coloque este mural nun lugar adecuado dun edificio público de Viveiro", di Bermúdez.

Estas son un total de 6 vidreiras da autoría do artista Xosé Luis Neira Brochs que estiveron no vestíbulo do comercio Exclusivas Novo, na praza de Lugo, propiedade do comerciante Modesto Novo Guerreiro. Este mural estaba composto por 5 escudos (A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Viveiro) e o busto do viveirés Antón Vilar Ponte.

Cando o comercio do señor Novo Guerreiro cesou a súa actividade este comerciante doou, en decembro de 2011, estas vidreiras ao Concello de Viveiro para que fosen colocadas nalgún edificio público. "Van alá case 10 anos e cónstanos que o señor Novo Guerreiro interesouse en varias ocasións polo destino desta obra, gardada, supoñemos, nun almacén municipal. Todas as manifestacións que tanto o anterior alcalde como a actual alcaldesa fixeron sobre o destino destas vidreiras foron incumpridas", di Miriam Bermúdez.

Ademais, "pedimos que no prazo de 3 meses os técnicos municipais elaboren un proxecto para axardinar o espazo onde estivo o taller da Opel e, neste mes de maio de 2021, se xestione a colaboración económica da Deputación de Lugo para axardinar e colocar unha placa coa denominación de Irmandades da Fala, coa finalidade de que no vindeiro mes de agosto de 2021 se inaugure oficialmente este espazo", engade a voceira.

No acordo plenario de 3 febreiro de 2016 o BNG presentou, coincidindo co centenario das Irmandades da Fala, unha moción “para nomear a nova zona axardinada do recén derrubado edificio da Opel, fronte á capela da Misericordia, como parque das Irmandades da Fala”.

O acordo unánime da corporación foi solicitar á Deputación de Lugo, a financiación dun monólito a colocar no propio parque en homenaxe ás Irmandades da Fala. Facer coincidir a colocación da placa co novo nome do parque, co día 18 de maio, data de creación das Irmandades da Fala, coa celebración dun acto institucional de homenaxe ás Irmandades.

"Pasaron, nesta ocasión, 5 anos e o acordo segue sen se cumprir. Fóra dun acto organizado polo Concello para conmemorar o centenario das Irmandades, na rúa Pastor Díaz, fronte á casa onde naceron os irmáns Vilar Ponte, nada máis se ten feito. Nin nomear a zona axardinada nin colocar monólito algún", remata dicindo Bermúdez.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17486810684204