O BNG de Viveiro insiste na importancia de eliminar barreiras por unha inclusión social real

TerraChaXa | AMariñaXa
18 Maio 2019
Para o BNG de Viveiro as necesidades das persoas con diversidade funcional é un tema totalmente transversal. «É evidente que Viveiro precisa eliminar unha morea de barreiras que só supoñen obstáculos, axudan a manter un estigma social que non debera existir, e non facilitan ás persoas con calquera tipo de discapacidade a autonomía no seu día a día nin a accesibilidade a espazos e servizos comúns» afirma Miriam Bermudez, a alcaldable polo BNG de Viveiro.
No BNG apostamos por unha inclusión real, con medidas que son de prioridade urxente. Desta urxencia da conta Iria Cotelo, número cinco da lista, que traballa diariamente dende hai máis de nove anos no centro de día de Aspanane «Saír a dar un paseo cxs usuarixs por Viveiro supón dispoñer de case o dobre de traballadorxs para botar unha man, xa que o risco de caídas aumenta polos desniveis do chan, plaquetas soltas, bordillos altos, bolardos..; e precisase ás veces de dous traballadores para poder transladar a unha persoa en cadeira de rodas (costas, bordillos, rampas mal feitas), polo que as saídas do centro son escasas». A Iria tamén lle consta que «A maior parte das familias non contan con estes recursos humanos nin coa enerxía suficiente (por ter unha idade avanzada en moitos casos) para ir ás compras, dar un paseo... e se tiveran que ir ao xulgado xa sería o caos absoluto».
No programa que presentou o BNG o pasado 14 de abril, reflíctense medidas como a creación de accesos a praias,  transportes públicos, pavillóns, deporte, praias e rúas; a implantación de pictogramas, imaxes e braille en espazos públicos; iluminación e sinalización de cambios de nivel no chan; ou semáforos auditivos para peóns.
0.18105912208557