O BNG de Viveiro exixe solucionar a fochanca da Praza de Lugo
O BNG viveirense exixe solucionar a gran fochanca da Praza de Lugo e pon novamente en dúbida o mantemento das estradas
Así, solicítalle a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e ao seu concelleiro de obras, Jesús Fernández Cal, o mantemendo das estradas municipais, unha vez máis e dunha vez por todas, de maneira regular e planificada.
“Son necesarias actuacións programadas cun calendario de obras de mantemento, conservación e mellora da rede viaria municipal, unha planificación estruturada que non se está a dar en Viveiro. Esta falta de ordenación de traballos e de previsión dos recursos, trae como resultado o lamentábel e perigoso estado da rede viaria municipal na totalidade das parroquias”, afirma Míriam Bermúdez, concelleira do BNG.
A concelleira lamenta verse na obriga de denunciar novamente a falta de planificación no mantemento de estradas municipais por parte do Goberno do PSOE de Viveiro, nesta ocasión, denunciando para que se amañe o gran socavón existente á entrada da Praza de Lugo, "un socavón que levan meses soportando as veciñas e veciñas de Viveiro.”
Míriam Bermúdez afirma que "no BNG apostamos por unha política municipal en infraestruturas viarias que se apoie nun Plan de mantemento, un plan con políticas convenientemente estruturadas e axendadas cos obxectivos fixados a curto, medio e longo prazo, que conste con 3 puntos clave".