O BNG de Viveiro esixirá no Pleno unha comisión para implantar carrís-bici
A grupo nacionalista de Viveiro solicitará no novo Pleno a creación de vías para uso de ciclistas. Tal e como indican "a nova situación provocada pola covid-19 está a ocasionar cambios na sociedade e nas formas de vivir. Vemos como se está a crear unha nova realidade na mobilidade urbana, máis sostible, ecolóxica e saudable. Até agora só viamos vehículos a motor e algunha bicicleta polas nosas estradas, mais agora tamén entran en xogo outros vehículos como as bicis eléctricas e patíns a batería. Para estes últimos a DXT remata de publicar unha nova normativa que entrou en vigor o 2 de xaneiro deste mesmo ano, na que se regulan as principais normas de circulación para estes vehículos de mobilidade persoal (VMP)".
"As institucións e sobre todo as locais, están a ver en todo isto unha gran oportunidade para dar un xiro na mobilidade das súas vilas tentando xerar novos valores para as vindieras xeracións, así é como lemos cada vez máis nos xornais e medios de difusión como os Concellos se fan eco das súas melloras con carrís-bici, vías ciclables e adaptacións de carrís para a convivencia de vehículos a motor, bicicletas e patíns. En definitiva, tentar que as nosas vilas e cidades vaian cara un lugar do que nunca deberon saír, cara unha forma de mobilidade que non xera residuos, boa para a saúde e de custe mínimo para os cidadáns e cidadás", engaden.
Aseguran que cada vez máis adaptados para o uso da bici, "menos no concello de Viveiro, onde a desidia do goberno local de María Loureiro tamén se fai constar neste ámbito, tanto é así que o PSOE tumbou en agosto do ano pasado a moción para un Viveiro Ciclable e que de igual maneira levamos agardando 5 meses por unha Comisión de estudo e seguemento para crear vías ciclistas en Viveiro".
A voceira do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, asegura: "no BNG queremos comezar por unir os principais núcleos poboacionais do concello xa que realmente están moi perto os uns dos outros, cun terreo prácticamente chao que fai moi sinxela a súa conexión con carrís-bici entre Covas, Magazos, Celeiro e Viveiro. Algo básico que xa debera estar feito desde hai moitos anos".
Por outra banda a concelleira afirma "isto non é un problema de presuposto nin de facer grandes obras, tan só é cuestión de bondade e gañas de traballar. Agardamos que o PSOE rectifique na súa actitude canto antes para podernos sentar a falar do tema e chegar a acordos polo ben de Viveiro."