O BNG de Viveiro esixe que os orzamentos de 2026 se presenten antes de fin de ano para evitar unha nova prórroga

AMariñaXa
A formación nacionalista critica un proxecto “continuista e sen avances” e reclama investimentos reais e máis apoio ao tecido asociativo
Iria-Cotelo-BNG-Viveiro-1
16 Dec 2025

O grupo municipal do BNG de Viveiro reclamou no pleno ordinario de decembro que o goberno local presente os orzamentos municipais de 2026 antes do 31 de decembro, coa finalidade de garantir a súa aprobación en tempo e forma e evitar unha nova prórroga orzamentaria. A iniciativa busca, segundo explican desde a formación nacionalista, dotar ao Concello dunha ferramenta económica actualizada que permita planificar e executar políticas públicas con maior eficacia.

Tras este paso no pleno, os concelleiros do BNG Iria Cotelo, Juan Ramón Martínez e Seve Salgueiro mantiveron unha reunión coa actual equipa de goberno. Nese encontro, segundo explicou a portavoz municipal, Iria Cotelo, presentóuselles de maneira xeral un proxecto orzamentario que cualificou de “continuista, con axustes obrigados e sen avances reais respecto ás promesas realizadas polo Partido Popular ao acceder ao goberno”.

Cotelo asegurou que o documento trasladado reproduce esquemas de exercicios anteriores e non incorpora cuestións que, ao seu xuízo, eran compromisos claros. Entre eles, citou a falta de consignación da achega comprometida pola Xunta para o Conservatorio, a ausencia de investimentos nas redes de saneamento e abastecemento, a inexistencia de partidas para a anunciada reforma da praza de abastos ou a falta de medidas concretas destinadas a fomentar o emprendemento e atraer novas empresas. “Nada do prometido”, resumiu a portavoz nacionalista.

Desde o BNG tamén reclaman que os orzamentos de 2026 incrementen as partidas destinadas a subvencións para asociacións e clubs do municipio, co obxectivo de garantir que ningunha entidade con actividade quede excluída. Lembran que esta foi unha das razóns polas que a formación optou pola abstención nos orzamentos de 2025. Do mesmo xeito, consideran imprescindible que se concreten os convenios anunciados coa Xunta de Galicia, xa que, segundo sinalan, tras meses de goberno non existen nin acordos pechados nin reservas orzamentarias para facelos efectivos.

Na mesma reunión, o goberno municipal solicitou ao BNG apoio da Vicepresidencia da Deputación. A este respecto, a formación nacionalista lembrou que a colaboración coa Vicepresidencia é “máxima” e que xa existen actuacións con diversas entidades de Viveiro, aínda que advertiu de que para colaborar directamente co Concello é necesario que se presenten proxectos definidos, algo que, segundo indican, aínda non se produciu.

O BNG apelou finalmente á responsabilidade do goberno local para que os orzamentos se presenten antes de rematar o ano. Aínda que recoñecen que non se trata dun proxecto propio, aseguran que agardarán polos documentos definitivos coa intención de actuar pensando no interese xeral da veciñanza. Ao mesmo tempo, criticaron a falta de avances en investimentos estratéxicos anunciados polo Partido Popular, como a licitación da variante de conexión coa VAC Costa Norte ou a humanización da fachada marítima, actuacións que, segundo Iria Cotelo, seguen quedando en promesas sen concreción. Para a portavoz do BNG, esta situación evidencia a falta de capacidade de xestión do PP e reafirma a súa formación como “a única con proxectos serios para o futuro de Viveiro”.

⚙ Configurar cookies
0.07644510269165