O BNG de Viveiro denuncia o trato discriminatorio da Xunta e a mudanza de criterio de Portos

O BNG de Viveiro manifestou a súa crítica ás recentes actitudes de Portos de Galicia e á Xunta de Galicia respecto ao arranxo do peirao de Viveiro, unha obra que o goberno municipal anterior solicitara insistentemente sen obter resposta. Míriam Bermúdez, voceira do BNG, cualificou de "inaceptable" o cambio de postura por parte de Portos de Galicia sobre este asunto, que coincide co cambio de goberno no Concello. "Queda claro que a Xunta de Galicia foi cómplice dun plan premeditado para prexudicar a Viveiro, negándonos os investimentos esenciais e privando á veciñanza dos recursos que lles corresponden", asegurou Bermúdez.
A tenenta de alcaldía no anterior goberno local lembrou que durante o seu mandato, o Concello de Viveiro solicitara ata en tres ocasións unha reunión con Portos por escrito, sen recibir ningunha resposta. "Diante do silencio institucional, tivemos que desprazarnos sen cita previa á sede de Portos en Compostela para ser recibidos e tratar asuntos fundamentais para o municipio", explicou Bermúdez. Nesa reunión, o presidente de Portos de Galicia afirmou que non existía partida orzamentaria para o arranxo do peirao e que as obras para asfaltar a zona non eran unha prioridade, limitando as inversións exclusivamente á actividade marítima. Incluso se lle chegou a ofrecer ao Concello a cesión do uso do peirao no estado de abandono no que se atopa, a pesar de ser consciente de que a administración local non dispoñía dos recursos necesarios para a súa recuperación.
"Agora, un día despois de que a nova alcaldesa do PP tome posesión, non só reciben a súa solicitude sen demora, senón que, coma por arte de maxia, aparecen 215.000 euros para executar unhas obras que antes eran imposibles", denunciou a voceira do BNG.
Bermúdez concluíu asegurando que esta situación confirma as sospeitas do seu grupo político: "A Xunta non investiu en Viveiro nin un só euro porque o goberno municipal non era do Partido Popular. Isto non é gobernar para todas as galegas e galegos, senón usar os recursos públicos de forma partidista e sectaria, roubándolle aos viveirenses o que lles pertence."
O BNG anunciou que non vai calar ante esta discriminación e seguirá denunciando todas as manobras da Xunta que prexudiquen os intereses de Viveiro. "O que non fixeron en vinte anos, agora van vendelo como grandes investimentos. Pero a veciñanza non esquece nin se deixa enganar", concluíu Bermúdez.