O BNG de Viveiro denuncia o “despilfarro” polo atraso na licitación dunha empresa de servizos enerxéticos

AMariñaXa
Os nacionalistas acusan ao PP de frear un proxecto que permitiría aforrar miles de euros ao mes nas arcas municipais
Iria-Cotelo-BNG-Viveiro-1
15 Nov 2025

O BNG de Viveiro criticou no último pleno municipal o atraso na licitación dunha empresa de servizos enerxéticos, unha demora que, segundo sinalan, está a supoñer un gasto innecesario de miles de euros mensuais para o Concello.

O concelleiro nacionalista Seve Salgueiro explicou que é “incuestionable” a necesidade de romper co actual contrato de subministro eléctrico polo seu “custo desorbitado”, e lembrou que a contratación dunha empresa especializada permitiría optimizar tanto o consumo como o gasto enerxético. Salgueiro indicou que o anterior goberno do BNG deixara un informe técnico moi avanzado, co compromiso de sacar a licitación en xuño. “Quedaban aspectos por perfilar e, ao tratarse dun contrato de elevado importe, debía pasar polo Consello Consultivo”, precisou.

Porén, segundo o edil, tras a moción de censura o Executivo do PP decidiu paralizar o proceso porque, en palabras do tenente de alcalde, “non o entende” e “non lle convence”. Salgueiro afeou que, en lugar de aproveitar o traballo xa feito, optaran por “romper o proxecto, encargar outro informe valorado en 6.000 euros e alongar os prazos, perdendo miles de euros cada mes”.

Os nacionalistas denunciaron tamén que o goberno non foi capaz de cuantificar o sobrecusto que está xerando este atraso. “Non o saben, pero facilmente pode chegar ás cinco cifras”, advertiron. Para o BNG, o PP “frean calquera avance que leve o selo do anterior goberno” e actúan “pensando só no beneficio electoral, aínda que iso prexudique a Viveiro”.

⚙ Configurar cookies
0.070580005645752