O BNG de Viveiro denuncia confusión e sancións pola sinalización contraditoria na Praza de Lannion

O BNG de Viveiro alerta da situación de confusión que se está a producir na Praza de Lannion pola existencia dunha sinalización contraditoria nas prazas de estacionamento, o que está a derivar en sancións.
Segundo explican desde a formación nacionalista, nun lateral da praza conviven actualmente prazas pintadas en amarelo, tradicionalmente reservadas entre as 07:30 e as 15:30 horas, con outras pintadas en azul correspondentes á zona ORA. Estas prazas reservadas teñen como finalidade dar servizo ao xulgado, cuxo garaxe permanece inutilizado ao estar a ser empregado como almacén.
Porén, a situación complicouse nas últimas semanas coa instalación dunha nova sinalización vertical que tamén considera reservadas prazas que continúan pintadas en azul, sen que se modificase a sinalización horizontal existente Para os nacionalistas, esta falta de coherencia está a provocar que moitas persoas estacionen nas prazas azuis por costume, facendo uso do sistema ORA e retirando o correspondente ticket, pero acabando igualmente sancionadas con multas que poden chegar aos 80 euros. Ademais, tamén se están a rexistrar sancións nas prazas amarelas a partir das 15:00 horas por non dispor de ticket, o que incrementa a confusión.
“Estamos ante un caso evidente de falta de coordinación na sinalización, que está a prexudicar directamente á veciñanza”, sinala a portavoz do BNG de Viveiro, Iria Cotelo, que asegura que “non é admisible que se manteñan marcas viarias que indican unha cousa mentres a sinalización vertical di outra distinta. Esta contradición só xera inseguridade e indefensión”.
Desde o BNG subliñan que a cidadanía está a actuar de boa fe, coa intención de cumprir a normativa, pero a actual situación está a provocar sancións a persoas que empregan correctamente o sistema ORA.
Por iso, a formación recomenda extremar a precaución ao estacionar nesta zona e revisar tanto a sinalización vertical como a horizontal. Así mesmo, insta ao goberno municipal a actuar con urxencia para resolver esta problemática e adaptar a sinalización de maneira clara e coherente. “Pedímoslle ao goberno municipal que garanta unha sinalización clara e que non dea lugar a erros nin a sancións inesperadas”, conclúe Cotelo.