O BNG de Viveiro demanda internet de alta velocidade para o rural

AMariñaXa
O BNG levará ao Pleno de Viveiro, Parlamento Galego e Congreso dos Deputados, as reclamacións polo acceso a internet no rural.
banda ancha_valadouro
9 Abr 2021

A portavoz municipal do BNG en Viveiro, Miriam Bermúdez, e os deputados nacionalistas  Daniel Castro e Néstor Rego levarán ao Plen, Parlamento Galego e  Congreso dos Deputados, respectivamente, as reclamacións da veciñanza e empresas viveirenses asentadas en parroquias do rural que carecen de acceso a unha internet de calidade ao estar dentro das chamadas “zonas de sombra” que impiden unha boa cobertura, mesmo para falar por teléfono. Os nacionalistas demandaranlles ás tres administracións unha solución tecnolóxica para estes núcleos rurais de Viveiro e solicitarán coñecer as previsións do Goberno Local, Autonómico e do Estado para a dotación do servizo de internet nos núcleos rurais que carecen de alta velocidade. Asimesmo, Rego reclamaralle ao goberrno do estado a actualización do mapa das zonas brancas, grises e negras de todos os concellos de Galiza, entre eles o de Viveiro, ao obxecto de que zonas singulares, mal clasificadas actualmente, non queden fóra de futuras liñas de axudas do Estado.

Un ano despois de que o grupo do BNG en Viveiro levase a problemática da fenda dixital no rural viveirense ao Pleno municipal e ao Parlamento galego para demandarlles o despregue de banda ancha no polígono de Landrove e parroquias do rural viveirense, os nacionalistas seguen a recibir numerosas queixas de veciñas, veciños e empresas sobre "a mala cobertura telefónica existente en moitos núcleos rurais das parroquias do concello, tales coma Valcarría, Chavín, Boimente, Covas, entre outras, así como a falta de acceso á internet con banda larga".

Por outra banda, o grupo nacionalista tamén recibiu queixas e consultas da veciñanza residente nalgún dos 82 núcleos incluídos no proxecto empresarial de Adamo Telecom Iberia S.A. (subvencionado con 5.853.870 euros polo Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración 2020 do Goberno do Estado), ao respecto da falta de información sobre o  plan de traballo da empresa nestes núcleos rurais e o ámbito temporal de realización das obras detalladas no proxecto aprobado polo Ministerio, polo que a concelleira do BNG solicitaralle ao concello o Plan de despregue e calendario de actuacións da operadora en Viveiro e o deputado Rego preguntará ao Goberno do Estado sobre os controis e comprobacións que se están a facer sobre a efectiva execución e adecuación das obras desenvoltas por estas empresas adxudicatarias.

A organización nacionalista ten coñecemento de que uns 50 núcleos rurais do concello, de 132 clasificados como “zonas brancas NGA” e doutras viviendas ailladas que nin tan sequera aparecen clasificadas, non foron incluídos en ningún proxecto empresarial subvencionado polo Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración 2020 do Ministerio de Asuntos económicos e Transformación Dixital. Zonas estas que tampouco foron incluídas, recordan desde o BNG, na terceira liña de subvencións do Plan de Banda Larga 2020 convocada pola Xunta da Galiza.

Desde o Bloque Nacionalista Galego denuncian que as veciñas e veciños de Viveiro dos 50 núcleos excluídos do despregue de banda larga, como é o caso dxs veciñxs de Valcarría e do Mesón do Pumariño que se reuniron co deputado nacionalista Daniel Castro e a portavoz municipal Míriam Bermúdez, para trasladarlles a súa preocupación e malestar, ao estaren en risco de sufrir a exclusión social ao non poder acceder á información, a educación, ao teletraballo e/ou aos servizos que presta a economía dixital e que mesmo se atopan incongruentemente ante a imposibilidade de poder facer uso, ao non contar co soporte tecnolóxico necesario, da administración electrónica e servizos sociais e sanitarios a través da vía telemática como a teleasistencia, telemedicina, etc., á que obrigan as propias administracións públicas e mesmo a banca privada.

O parlamentario Daniel Castro, durante a súa visita a Valcarría, denunciaba que nin o goberno da Xunta nin o goberno municipal cumpriu cos seus deberes, como máximos responsables que son dunha administración pública, e que non son outros que garantir os dereitos e a igualdade de oportunidades da veciñanza de Viveiro, con independencia do lugar onde vivan, asegurando o acceso á banda larga de internet e a unha boa cobertura de telefonía móbil máxime cando a UE ven de aprobar cuantiosos fondos FEDER, tanto ao goberno español como ao galego, para que estes dotasen de conectividade ao 100% da poboación marcando como horizonte e punto de inflexión o ano 2020.

Pola súa banda, a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, asegurou que ían reclamar a despenalización das persoas residentes en zonas con fenda dixital porque “é necesario e urxente que desde as administracións públicas se dote de conexión á internet con banda larga ás zonas do rural do noso concello e así reducir a fenda dixital existente entre a nosa veciñanza por motivos de residencia para poder ofrecerlles mellores servizos e dotalas de ferramentas tecnolóxicas, que ademais vai contribuír a xerar oportunidades de novos negocios e a facer máis competitivo o sector agrogandeiro e forestal do concello de Viveiro, atraendo mocidade cara o seu asentamento no rural e facendo ao mesmo tempo fronte á grave problemática que ten o noso concello para xerar emprego local, por un lado e por outro, o problema de envellecemento e despoamento das nosas parroquias rurais"

0.17312097549438