O BNG de Viveiro anuncia a súa candidatura para 2027, apostando por un cambio real para o concello

O BNG de Viveiro vén de reafirmar o seu compromiso co futuro do concello, anunciando que será a forza política que encabezará a alternativa nas eleccións municipais de 2027. Míriam Bermúdez, voceira da formación, destacou que o futuro de Viveiro precisa dun goberno con proxecto, valentía e transparencia, afastado das liortas e do inmobilismo das forzas políticas tradicionais. “No BNG estamos preparadas e preparados para liderar ese cambio, con participación e solucións reais para a veciñanza”, sinalou Bermúdez.
A líder nacionalista subliñou que a experiencia de goberno do BNG nos dous últimos anos demostrou que hai outra forma de facer política, baseada na responsabilidade, a proximidade e o sentido común. “Desde a Tenencia de Alcaldía impulsamos proxectos esenciais para Viveiro, mais o tempo foi insuficiente para completar todo o traballo iniciado. Moitas das iniciativas que puxemos en marcha seguirán executándose nos vindeiros meses, aínda que agora outros intenten apropiarse delas”, afirmou.
Bermúdez tamén quixo destacar o orgullo da formación pola xestión realizada e a confianza que lles dá para afrontar o futuro. “Agora, nos dous anos que quedan ata 2027, exercemos unha oposición firme e construtiva, defendendo os intereses da veciñanza fronte aos que fan da política un xogo de intereses persoais e partidistas”, engadiu.
O BNG reafirma a súa aposta por un goberno comprometido e preparado para asumir a responsabilidade de transformar Viveiro. “A veciñanza sabe que somos unha forza política que xa demostrou capacidade de goberno e que está preparada para continuar traballando por un Viveiro mellor”, concluíu Bermúdez.
A formación asegura que o futuro de Viveiro está nas mans da súa xente e, xunto a ela, continuará loitando polo benestar e o desenvolvemento do concello, apostando por un cambio real que beneficie as novas xeracións.