O BNG de Viveiro acusa ao goberno local de desmantelar o parque de Portochao en lugar de renovalo

AMariñaXa
A formación nacionalista denuncia o abandono da parroquia de Galdo e reclama a reposición inmediata do espazo de lecer infantil
VIVEIRO-PARQUE-PORTOCHAO
23 May 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Viveiro denunciou publicamente a supresión do parque infantil de Portochao, na parroquia de Galdo, por parte do actual goberno municipal encabezado pola alcaldesa Mariña Gueimunde. Segundo a formación nacionalista, esta decisión responde a unha política continuada de recortes e abandono dos espazos públicos, especialmente nas parroquias.

A portavoz municipal do BNG, Miriam Bermúdez, cualificou a retirada do parque como “unha mostra máis da falta de compromiso do executivo local co benestar da veciñanza”. Lamenta que en lugar de acometer a renovación da área infantil, o goberno optase por eliminala completamente, deixando á zona sen ningún tipo de alternativa para o ocio dos máis pequenos.

“Non hai investimento nin proxectos novos, e o pouco que hai, quítano como se estorbara”, criticou Bermúdez. Para o BNG, a decisión de suprimir o parque de Portochao reflicte unha estratexia clara: “nin se renova, nin se mantén, simplemente desmóntase todo aquilo que require coidado e atención”.

Desde a organización nacionalista destacan que o espazo era un dos poucos puntos de encontro e lecer para a veciñanza da parroquia de Galdo. Agora, coa súa desaparición, quedan sen un servizo básico e sen ningunha alternativa anunciada por parte do Concello.

“Este goberno recorta en todo menos no seu propio soldo”, engadiu Bermúdez, facendo referencia á polémica subida salarial da alcaldesa. “Cada día acumúlanse máis decisións que empobrecen Viveiro e deterioran a vida nas súas parroquias”, afirmou.

O BNG de Viveiro reclama explicacións inmediatas e esixe ao goberno local que repoña o parque infantil de Portochao “sen máis escusas nin demoras”. Ademais, insta ao executivo a aprobar un plan realista e efectivo para o mantemento e a mellora dos espazos públicos de todo o municipio. “Non imos permitir que Viveiro siga camiñando cara un deserto de servizos, sen coidado, sen atención e sen futuro”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.15579080581665