O BNG de Riotorto denuncia que os usuarios da axuda no fogar terán que pagar o dobre o ano que vén

TerraChaXa | AMariñaXa
A partir do ano que vén, as persoas usuarias do Servizo Axuda no Fogar (SAF) de Riotorto pagarán o dobre.
maiores unidade preventiva afalu
9 Out 2023

A partir do ano que vén, as persoas usuarias do Servizo Axuda no Fogar (SAF) de Riotorto pagarán o dobre. O goberno municipal modificou a ordenanza que regula o servizo, dobrando as tarifas que terán que pagar usuarias e usuarios da modalidade de libre concorrencia.

Deste xeito, tendo en conta que o custo da hora é de 12 euros e de que as cuotas varían en función da renda, quen paga 1,20 euros por hora, pagará 2,40 euros por hora; quen paga 2,40 euros por hora, pasará a pagar 4,80 euros por hora. A suba será menor para as persoas con maior renta e patrimonio, que pagan 4,80 euros por hora e pasarán a pagar 7,20 euros por hora.

O BNG “oponse frontalmente a unha suba de tarifas que, ademais de non respetar a progresividade, supón sobrecargar as persoas usuarias cun custo que debería asumir a Xunta de Galicia, á que corresponden as competencias en servizos sociais”.

O BNG de Riotorto defendeu sempre a gratuidade do Servizo de Axuda no Fogar. O goberno do nacionalista Federico Gutierrez Estoa loitou no ámbito político e institucional contra as polítícas do Partido Popular na Xunta de Galicia, que en 2012, retirou aos concellos de menos de 20.000 habitantes os fondos para este servizo e en 2013 impuxo o pago das persoas usuarias a través dun decreto.

Cando o PP chegou ao Concello de Riotorto aprobou a ordenanza vixente, á que hora dan unha volta máis, duplicando as tarifas. “O que debería facer o goberno municipal é esixir á Xunta de Galicia que asigne aos concellos financiamento suficiente para custear o servizo e que axilice a tramitación da lei de dependencia xa que o retraso no recoñecemento da dependencia está derivando as persoas que precisan asistencia ao SAF básico”.

O BNG sostén que, entre tanto, o Concello de Riotorto ten recursos para manter as tarifas actuais, “se o goberno de Clemente Iglesias lle dá prioridade e o xestiona como o que é, un servizo público fundamental para que as persoas maiores poidan vivir o maior tempo posible nas súas casas, e non como un instrumento electoral e de control social, como ven facendo”.

A formación nacionalista criticou que “as persoas usuarias do servizo, pero tamén as mulleres que traballan nel, sexan as últimas na lista de prioridades de investimento para o goberno de PP”. A este respecto, explica que, “mentras nos últimos meses, no proceso de estabilización e consolidación de emprego público que fixeron as administracións, se estabilizaron as prazas de persoal que traballa nas oficinas municipais, pero non se fixo o mesmo coas traballadoras do SAF”.

"O PP non quere dar voz ás asociacións veciñais na defensa do centro de saúde"

O BNG de Riotorto denuncia tamén “a negativa do Partido Popular a dar voz ás asociacións veciñais na defensa do centro de saúde”. No pleno do pasado venres, o PP votou en contra da moción do BNG, na que se pedía a creación dunha comisión integrada por representantes do goberno municipal, grupos políticos e asociacións veciñais para facer fronte á supresión dunha praza de médico no centro de saúde.

O BNG explica que “o alcalde Clemente Iglesias se negou a aceptar a proposta, pedindo incluso que se modificase retirando a participación das asociacións veciñais, algo ao que desde o BNG non opuxemos de forma rotunda. Confirmamos, asegura o BNG, que “a principal preocupación do alcalde é silenciar a falta de persoal no centro de saúde, colaborando coa Xunta de Galicia no desmantelamento da sanidade pública”.

0.1206841468811