O BNG de Riotorto denuncia falta de transparencia e publicidade na selección de persoal
O BNG denuncia a falta de publicidade e transparencia no proceso de selección convocado polo Concello de Riotorto para a contratación de persoal para postos de peón de albanelería, xardinería e auxiliar administrativo.
O grupo municipal critica que, un ano máis, o goberno municipal convoque o proceso sen darlle difusión e recorrendo a un procedemento abreviado, a través do SEPE, que limita o acceso a algunhas persoas desempregadas e elude pasos como a publicación das persoas adminitidas para participar na proba.
O BNG considera que os precedentes do goberno municipal cos procesos de selección de persoal, que habitualmente acaban beneficiando ao entorno familiar do alcalde e do goberno municipal, requiren a máxima transparencia e publicidade.
O BNG de Riotorto fai fincapé en que, no caso da praza de auxiliar administrativo/a, estas convocatorias estanse empregando de forma reiterada para cubrir con interinidades prazas vacantes, pola excedencia do propio alcalde, que viña desenvolvendo esas tarefas como funcionario municipal antes de acceder a alcaldía hai xa oito anos, e pola xubilación dunha persoa funcionaria.
O BNG solicitou ao Concello de Riotorto a suspensión do procedemento en marcha e a convocatoria dun novo que garanta os principios de publicidade, concorrencia, igualdade, mérito, capacidade e non discriminación esixibles para unha convocatoria de emprego público.