O BNG de Riotorto denuncia a exclusión do concello do servizo de Hospitalización a Domicilio

TerraChaXa | AMariñaXa
Mentres a Xunta amplía a cobertura a outros municipios do sur da provincia, Riotorto, Pontenova e Ribeira de Piquín continúan sen acceso a esta atención sanitaria esencial
vanesa-lourido-bng-riotorto
31 Jan 2026

O BNG de Riotorto lamenta que o concello siga sen dispor do servizo de Hospitalización a Domicilio, un recurso que permite prestar coidados hospitalarios no propio domicilio a persoas que os precisan, incluíndo pacientes con enfermidades crónicas complexas, persoas maiores ou pacientes oncolóxicos.

Nos últimos días, a Xunta de Galicia anunciou a extensión deste servizo a varios concellos do sur da provincia, pero Riotorto, Pontenova e Ribeira de Piquín continúan fóra desta cobertura. Desde o BNG lembran que nos últimos meses impulsaron diversas iniciativas parlamentarias e aprobaron un acordo plenario para reclamar este servizo para a veciñanza.

Vanesa Gómez, portavoz municipal do BNG, critica duramente a actuación do Partido Popular local: “Clemente Iglesias gardou no caixón os acordos do pleno e permitiu que a Xunta de Galicia siga discriminando ás veciñas e veciños de Riotorto, que non poden recibir este tipo de atención cando a precisan. Resulta chocante a forma en que a propia Xunta explicou a ampliación, mencionando a xestión dos alcaldes. Non fixo Clemente Iglesias o seu traballo? O PP quita e pon recursos a golpe de interese electoral e tómanos o pelo a todas e todos? Ou é que se dan as dúas cousas á vez?”

A concelleira nacionalista tamén recorda que o Partido Popular de Riotorto adopta unha postura pasiva cada vez que se trata de mellorar os servizos sanitarios, especialmente mentres a veciñanza se mobilizaba para conseguir unha atención continuada e estable no centro médico local.

Neste contexto, o BNG valora positivamente a recente incorporación ao centro de saúde dunha nova facultativa, que obtivo a praza na Oferta de Emprego Público de 2025, froito dunha importante mobilización veciñal que incluíu concentracións diante do centro médico e recollida de sinaturas. Con todo, a segunda praza de medicina familiar do centro continúa sen cubrir.

⚙ Configurar cookies
0.078781843185425