O BNG de Ribadeo reitera a súa preocupación polo atraso nas obras do Hospital-Asilo
O BNG de Ribadeo reitera a súa preocupación polo atraso nas obras do Hospital-Asilo. "Levamos observando e denunciando nos últimos meses un atraso excesivo nas obras", din os nacionalistas ribadenses.
Tras recibir a documentación solicitada, "as certificacións confirman as nosas sospeitas. A día de hoxe, 5 meses despois do inicio oficial das obras, só se executaron 19.252,50 euros dun total de 1.636.065,87 euros, o que representa o 1,18 % do total. Na realidade as obras están paradas", engaden.
"Preocúpanos que os usuarios do centro seguen moi lonxe de Ribadeo e a este ritmo seguirán inda máis tempo", sinalan. Desde o BNG de Ribadeo esixen que o Goberno municipal tome en serio esta obra para que se cumpran os prazos establecidos e os usuarios poidan volver canto antes.