O BNG de Ribadeo reclámalle á Sanidade que repare as humidades do centro de saúde
O BNG de Ribadeo reclámalle á Consellaría e Sanidade que repare as goteiras e humidades que hai no centro de saúde de Ribadeo. Aseguran que xa hai meses que se arrastran problemas derivados das intensas chuvias que están a caer e denuncian a incapacidade da Consellaría de Sanidade para buscar solucións a este problema.
Os nacionalistas tamén destacan que, en sesión plenaria, o rexedor municipal chegou a deslizar insinuacións sobre certo persoal, “non do concello precisamente” e, días máis tarde, aparentou un enfado “elefantiásico” por mor da carencia de servizo pediátrico no centro de saúde ribadense. Deste xeito, queren lembrarlle, a través dunha moción, a necesidade de que a Xunta busque a solución inmediata aos problemas do actual centro de saúde.
“Non pode ser que o persoal sanitario teña que facer fronte ás posíbeis baixas (sen que se cubran as prazas que queden vacantes polo motivo que sexa), nin tampouco que estean a expensas de posíbeis danos nas instalacións do centro de saúde”. O persoal sanitario está para atender a xente. Afirman que unha administración eficiente debería estar aí para solucionar de forma eficaz os problemas que se lle presenten nas súas instalacións. Tamén din que un alcalde comprometido coa veciñanza debería demandar de xeito inmediato que a consellaría de sanidade resolva os problemas que poida haber no actual centro de saúde.