O BNG de Ribadeo reclama máis control para frear a aparición de vertedoiros ilegais no municipio

O BNG de Ribadeo volve poñer o foco na presenza de vertedoiros ilegais no termo municipal e demanda ao goberno local unha intervención máis decidida para erradicar estes puntos de contaminación. A formación nacionalista alerta de que continúan xurdindo acumulacións de residuos en zonas non habilitadas, especialmente en Lexoso, o que supón un risco ambiental evidente.
Segundo explica o portavoz do Bloque, Pablo Vizoso, en determinados espazos “segue producíndose, de maneira descontrolada, a acumulación de lixo de diferentes procedencias, convertendo pouco a pouco estas áreas en verdadeiros vertedoiros ilegais”. O edil destaca que no caso de Lexoso a situación é “aínda máis preocupante”, xa que existe un punto de captación de auga nas inmediacións, o que incrementa o perigo para o ecosistema local.
Vizoso reclama ao goberno municipal “que actúe canto antes” e que proceda á retirada inmediata dos residuos, lembrando que estes “poñen en risco zonas verdes sensibles e o propio medio ambiente”. Ao mesmo tempo, fai un chamamento á responsabilidade cidadá para evitar este tipo de prácticas incívicas: “Coidar o noso entorno é cousa de todas e de todos”, subliña.
O BNG considera imprescindible reforzar os controis e a vixilancia en puntos sensibles do concello, así como desenvolver medidas preventivas que axuden a evitar novas acumulacións de lixo. A formación insiste en que a resposta municipal debe ser áxil e constante para combater “un problema que se repite no tempo e que require solucións inmediatas”.