O BNG de Ribadeo reclamalle á Xunta máis medios para loitar contra os incendios
Tras os incendios nos concellos de Trabada, Ribadeo e Foz, o BNG de Ribadeo manda todo o seu apoio á veciñanza, aos amigos e familiares afectados polos incendios que nestes días sufriron esta lacra en primeira persoa ben preto das súas casas.
Agradecen e recoñecen, ademais, o esforzo feito por todo o persoal profesional e por todos os voluntarios e voluntarias que traballaron arreo para controlar o lume e poñerlle fin. Tanto a nivel particular como desde o mundo da empresa local, sumouse moita xente que loitou por preservar as súas casas aos que amosan a súa gratitude.
Nese sento, solicitan máis esforzos por parte da Xunta para repoñer o persoal que poida estar de baixa. “Non é de recibo que chegue un vehículo todoterreo con tan só a cuarta parte do seu persoal porque a Xunta non cubriu as baixas do persoal que compoñía esa brigada. Por moito que dous traballen sen parar loitando contra o lume, nunca farán o mesmo que todo o persoal de dita brigada se estivese ben dotada”, expón o partido a través dun comunicado publicado este martes.
A agrupación apela a unha carencia de medios. “Hai quen só pensa en recortar medios, como na sanidade, como na administración en xeral. Pero á hora da verdade nótase a carencia de medios. Houbo ocasións, nesta fin de semana, que ocorreu o mesmo loitando contra o lume”.
A Lei de Prevención contra os Incendios
A súa vez, amósanse críticos coa actitude dalgúns dos responsables políticos que “que sacaron peito presumindo do ben que fora todo, e que non houbera que lamentar desgrazas persoais cando, no seu momento, ben que criticaban ao anterior goberno municipal no seu empeño por aplicar a lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais para as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa”.
Por outra banda, o BNG recorda a posibilidade de aproveitar a masa forestal sen poñer en perigo a seguridade da veciñanza. “Se se aplica a lei, se se ordena axeitadamente o territorio, é posíbel compatibilizar a explotación do monte coa seguridade dos veciños e veciñas. Hai que querer. E hai que traballar ano tras ano, non só reaccionar con medidas puntuais cada vez que hai unha vaga de lumes”, destacan.
Anteriormente, a agrupación política xa pretendía impulsar a aplicación dunha lei autonómica para prever os incendios forestais. Non obstante, “había quen buscaba un pretexto tras doutro para sacar tallada política e intentar desgastar o labor do anterior goberno municipal, defendendo a inacción da Xunta do señor Feijóo e do señor Rueda”, asegura o partido.
O Bloque sinala este comportamento como “unha inacción que agora se ve referendada pola súa negativa a comparecer no Parlamento de Galicia para explicar como se xestionou esta crise”. En canto á suspensión do Mercados dos Domingos, que finalmente se celebrou, critican a posición tomada por Daniel Vega, que modificou tras as peticións do sector.