O BNG de Ribadeo reclama a reparación urxente de varias pistas municipais en Remourelle

O grupo municipal do BNG de Ribadeo vén de denunciar o mal estado no que se atopan varias pistas municipais na parroquia de Remourelle, tras recibir numerosas queixas da veciñanza. Segundo explican, o deterioro foi causado polo paso frecuente de maquinaria e vehículos pesados, o que provocou fochancas de ata medio metro de profundidade, facendo que estes camiños resulten practicamente intransitables.
O voceiro nacionalista, Pablo Vizoso, manifestou: “Nos últimos días tivemos aviso por parte de veciños e veciñas da penosa situación destas vías, que agora necesitan dunha actuación inmediata para garantir a seguridade e mobilidade da cidadanía”.
Desde o BNG consideran que é responsabilidade directa do goberno local actuar de maneira dilixente para corrixir esta situación. Vizoso avanzou que levarán un rogo ao Pleno ordinario de maio co fin de instar ao executivo municipal a que tome cartas no asunto. “Seguiremos atentos para ver se se adoptan as medidas necesarias para devolverlle a funcionalidade a estes viais que, a día de hoxe, presentan un estado lamentábel”, concluíu.