O BNG de Ribadeo propón crear unha sala de estudo na biblioteca municipal

O BNG de Ribadeo levará ao próximo pleno unha moción para instar ao Goberno local a habilitar unha sala de estudo no edificio da biblioteca pública El Viejo Pancho. A proposta responde, segundo explican, a unha demanda reiterada por parte de estudantes e opositores da vila que non dispoñen na actualidade dun espazo municipal adaptado ás súas necesidades.
A formación nacionalista considera que a Sala do fondo Dionisio Gamallo sería o lugar máis axeitado para esta finalidade, tanto pola súa capacidade como polo baixo custo que implicaría a súa adaptación.
O concelleiro do BNG ribadense, Martín Graña, sinala que “nos últimos anos vense facendo cada vez máis evidente a necesidade de habilitar un espazo para que estudantes e opositores poidan traballar no seu día a día, xa que actualmente non existe un espazo municipal que cumpra estas características”.
Advirte tamén que “unha sala de estudo debe ser, na medida do posible, un espazo separado dunha sala de lectura dunha biblioteca. A sala de lectura da biblioteca é un lugar máis dinámico que se afasta da tranquilidade e permanencia que se necesita nunha sala de estudo”.
Desde o BNG defenden que a actuación sería viable sen grandes investimentos e insisten en que “na opinión deste grupo municipal, o lugar ideal é a Sala do fondo Dionisio Gamallo por cuestión de espazo e tamén pola facilidade e baixo custo que tería esta actuación”.
Finalmente, Martín Graña apunta que “máis adiante deberíamos abordar tamén a ampliación do horario de apertura para darlle máis marxe aos usuarios e usuarias, pero polo momento, consideramos que habilitar unha sala de estudo é un bo punto de partida”.