O BNG de Ribadeo presiona á Xunta para avanzar na reforma integral do Hospital Asilo
Hai uns quince días, o BNG de Ribadeo manifestou a súa ledicia polo feito de que, segundo dicía o alcalde, a Xunta ía asinar un convenio co Concello de Ribadeo polo que ía achegar 700.000 euros para realizar as obras de reforma integral do Hospital Asilo. Con todo, dende o BNG manifestaron que ían prestar atención para comprobar se efectivamente se ía asinar este convenio. “Ben nos gustaría confirmalo. Pero a realidade é moi teimuda: o alcalde de Ribadeo faltou á verdade e volveu enganar a todo o pobo de Ribadeo. E non nos merecemos un alcalde mentireiro”. Dende a formación política aseguran que a Xunta debería sufragar o cento por cento da obra, pois trátase dunha competencia súa.
Para eles o goberno da Xunta xa debería ter colaborado coa construción da residencia de persoas maiores de Ribadeo, “pero mirou cara a outro lado, pensando máis nos propios intereses do PP que no pobo de Ribadeo. Unha vez máis, o PP desenténdese de Ribadeo, a alcaldía de máis poboación que goberna o PP na provincia de Lugo”. Denuncian que os populares galegos pensan máis noutros intereses partidarios ou dunha parte ou familia do partido, na que non está nin o PP de Ribadeo, nin o alcalde e exdeputado autonómico.
“Outros pobos, aos que felicitamos, lograron que se asine ese convenio de colaboración para reformaren ou construíren a súa residencia de maiores”. Os nacionalistas seguiran presionando para que a Xunta mude de actitude e acabe asinando o convenio de colaboración co Concello de Ribadeo para a reforma integral do Hospital Asilo.
“Temos que lamentar que cada semana que pasa sen que se asine dito convenio é un tempo perdido”. Lamentan que se puideran reconducir o crédito solicitado polo anterior goberno, poderían estar emprendendo outras iniciativas que melloraran as condicións de vida das xentes de Ribadeo. Para eles o alcalde de Ribadeo “queima a súa credibilidade cada vez que anuncia a sinatura dese convenio” e, en certa medida, ao non ter resultados, “tamén queima as posibilidades de dar outro destino a ese crédito”, conclúen.