O BNG de Ribadeo presenta unha moción instar ao SERGAS a recuperar o servizo de pediatría
O BNG de Ribadeo presenta unha moción para debater no próximo pleno ordinario para que o Concello de Ribadeo inste á Xunta e ao SERGAS a recuperar o servizo de pediatría de xeito permanente. E que, así mesmo, se garanta deste xeito que se cubran as ausencias da titular da praza de pediatría do Centro de Saúde de Ribadeo todos os días laborables do ano.
Como explicou a concelleira do BNG Raquel Ferreira, esta situación comezou o 5 de decembro de 2023 cando a profesional titular da praza do servizo de pediatría no centro de saúde de Ribadeo comezou unha incapacidade temporal por enfermidade. “Desde ese día Ribadeo atópase sen un servizo de pediatría permanente. Isto implica que 960 nenas e nenos de Ribadeo e do veciño concello de Trabada non dispoñen da asistencia sanitaria especializada que merecen e á que teñen dereito por lei”.
A solución provisional por parte do Sergas é “a cobertura de pediatría un só día á semana cun profesional desprazado doutro centro, polo que os nenos de Ribadeo e Trabada se atopan 4 días da semana sen pediatra que os atenda. No seu lugar son derivados a médicos de familia que carecen da especialidade de pediatría e que pasan a engrosar aínda máis as súas xa de por si apertadas axendas”. Como consecuencia, “están a sufrir retrasos na atención e adiamentos continuos das revisións do Programa do Neno San.”
Levando esta moción ao pleno, o BNG pretende crear unha postura común entre todos os partidos representados na corporación municipal. “Intentamos buscar a unanimidade ante o que consideramos un problema grave que afecta a un grande número de familias do noso concello e dos concellos veciños e sobre o que non debería haber diferencias políticas, a solución só pode vir da Xunta e por iso llo reclamamos a esa administración.”