O BNG de Ribadeo pídelle ao alcalde que deixe de usar os medios oficiais de forma partidaria
O BNG de Ribadeo reclámalle ao Goberno municipal que saiba diferenciar planos á hora de felicitar a calquera veciño ou veciña que destaque polo mundo adiante. Para eles non pode ser que un recoñecemento público cara a unha persoa derive nunha serie de comentarios de contido confesional. Lembran que o concello de Ribadeo, como todas as institucións do estado, é aconfesional. Nunha Europa na que predomina a aconfesionalidade, nun estado no que o artigo 16 da Constitución afirma dito carácter aconfesional, “os comentarios feitos polo goberno municipal de Ribadeo a respecto do nomeamento de Monseñor Antonio José Valín Valdés como bispo de Tui-Vigo, non son de recibo”.
Aseguran que do mesmo xeito que gasta diñeiro sen control, fai comentarios sen ter en conta todas as distintas sensibilidades e ignorando os principios básicos de convivencia democrática. “Se Daniel Vega falase como un cidadán que se sinte católico, no seo da comunidade católica, empregando o taboleiro de anuncios de dita comunidade, poderían ter sentido os comentarios feitos por el e o seu goberno. Pero ditos comentarios aparecen nas redes sociais do Concello, pagadas por todos e todas nós, cidadáns e cidadás dun concello integrado nun estado aconfesional”.
Afirman que o Goberno municipal do PP aproveita a máis mínima ocasión para aparentar que, en certa medida, representa os valores máis rancios da España imperial que ostentaba baixo palio o seu poder. Desde o BNG de Ribadeo creen que se poden facer as cousas doutro xeito ben distinto. Felicitan a Monseñor Antonio José Valín Valdés, ribadense de nación, pola súa incorporación aos labores como bispo na diocese de Tui-Vigo. Para alén do carácter confesional do cargo que ostenta, felicítano porque un veciño asuma altas responsabilidades e por iso lle desexan o mellor dos acertos no seu labor.
Esperan que saiba dar cabida ás preocupacións sociais que outros compañeiros de ministerio teñen manifestado e que de pulo a novas iniciativas que se están a dar no seo da Igrexa católica para potenciar máis o uso da nosa lingua nos seus rituais. Pero o BNG de Ribadeo, como tal organización política aconfesional que é, aseguran que nunca usaría medios públicos para empregar unha linguaxe confesional, propia dunha parte da sociedade que, por moito respecto que poida suscitar, non pode suplantar á comunidade en xeral.