O BNG de Ribadeo pide explicacións polas actuacións en solares da rúa Deputación

O Bloque Nacionalista Galego de Ribadeo vén de solicitar no Concello copia do informe emitido pola comisión de Patrimonio e polo Xacobeo en relación á actuación de limpeza e demolición dos solares números 1 e 3 da rúa Deputación. Esta demanda chega tras as recentes declaracións do alcalde, Daniel Vega, sobre os plans de intervención nese espazo urbano.
O portavoz do BNG, Pablo Vizoso, lembra que cando o anterior goberno local do Bloque levou a cabo unha actuación subsidiaria por motivos de seguridade nestes inmobles, Patrimonio autorizou a intervención con condicións claras: a futura reconstrución debía respectar as características urbanísticas orixinais dos edificios.
"Resulta sorprendente que agora o alcalde anuncie con tanta alegría novidades sen aclarar se hai un novo informe que modifique o ditame anterior", declarou Vizoso. O edil nacionalista advertiu que, de non existir dita modificación, Vega estaría a actuar fóra das súas competencias e ignorando os criterios establecidos polos organismos competentes.
Vizoso tamén aproveitou para lembrar outro episodio polémico do actual rexedor, cando intentou instalar uns mástiles con bandeiras na entrada do Concello sen contar coas autorizacións necesarias. “Aquela vez xa levou un bo tirón de orellas. Pero parece que non aprende”, afirmou.
Desde o BNG reclaman agora transparencia e rigor nas actuacións municipais, especialmente cando se trata de bens que afectan ao patrimonio histórico de Ribadeo.