O BNG de Ribadeo pide ao goberno municipal que reclame ao Bispado o arranxo da capela da Atalaia

O BNG de Ribadeo propón ao goberno municipal que solicite ao Bispado o arranxo da capela da Atalaia, co fin de finalizar a reforma iniciada no seu momento por petición do anterior alcalde, Fernando Suárez. A actuación consistiría en repoñer a cuberta de cal exterior que protexe a estrutura do edificio, tal e como estaba previsto inicialmente. A intervención quedou incompleta por falta de orzamento.
O voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso, explicou que, nos últimos días, “por medio de estudosos da historia local de Ribadeo, recibimos o aviso de que a estrutura da capela da Atalaia está sufrindo un deterioro importante ao non ter o revestimento en cal que protexe este tipo de edificacións históricas”. Segundo indicou, desde o Bispado confirmaron que a obra non se rematou naquel momento por falta de fondos, pero destacou que “o tempo pasou e cada vez se fai máis necesario acometer esta actuación”.
Dende o BNG instan ao goberno municipal a que solicite este arranxo para conservar o patrimonio ribadense de xeito decidido. Ademais, Vizoso anunciou que “presentaremos unha moción no pleno e solicitaremos a información do expediente para ver se a través das licenzas e documentación se pode facer presión”.
Así mesmo, engadiu: “Agardamos que o goberno municipal recolla a nosa proposta e a traslade, tan pronto como se poida, ao Bispado para pedir o inicio desta actuación tan necesaria. Coidar o noso patrimonio é algo fundamental, debemos lembrar que a capela da Atalaia é un dos edificios relixiosos máis antigos de Ribadeo. Ogallá poidamos conseguilo entre todos e todas”.