O BNG de Ribadeo logra o apoio unánime do pleno para protexer o patrimonio e fomentar o civismo

AMariñaXa
As propostas sobre a capela da Atalaia e a limpeza de excrementos animais obtiveron o respaldo de toda a corporación municipal
BNG-Pablo-Vizoso-Ribadeo-2023
23 May 2025

O BNG de Ribadeo conseguiu este martes 20 de maio que as dúas mocións presentadas no pleno foran aprobadas por unanimidade, evidenciando —segundo destacan— a súa capacidade de iniciativa política malia exercer como grupo da oposición.

A primeira das mocións solicitaba ao bispado de Mondoñedo-Ferrol que acometa obras de conservación na capela da Atalaia, un dos elementos patrimoniais máis emblemáticos do municipio. “Durante o anterior mandato abríramos xa vías de diálogo co bispado para abordar o deterioro de varios dos seus inmobles en Ribadeo, e foron sensibles ás nosas propostas. Agora é momento de continuar ese camiño co apoio de toda a corporación”, sinalaron dende a formación nacionalista.

A segunda iniciativa, tamén aprobada por consenso, propón o lanzamento dunha nova campaña de concienciación cidadá sobre a recollida de excrementos de animais nas rúas da vila. Desde o BNG lembran que xa se impulsaron accións semellantes en etapas anteriores, con lemas como “Son un can. Non me fagas pasar por un porco”, ou “O can é teu; as rúas e parques, de todos”, nas que incluso se repartiron produtos desinfectantes para combater os ouriños nas zonas públicas. “Estas campañas axudan a crear conciencia e contribúen a manter limpo o espazo que compartimos. Non se trata dun tema menor, senón dunha cuestión de respecto e convivencia”, indicaron.

A formación tamén valorou positivamente que os seus rogos e preguntas fosen atendidos. A petición veciñal de arranxo da pista que conecta Fornos con Lagoas, en Remourelle, foi defendida por Pablo Vizoso, mentres que Martín Graña alertou sobre a aparición dunha greta nun dos muros de contención da Atalaia, instando a tomar medidas urxentes.

“Somos oposición, si, pero tamén temos propostas e ideas. E hoxe demostramos que, con vontade, é posible avanzar na defensa do patrimonio, na mellora dos espazos públicos e na escoita das demandas veciñais”, concluíron dende o BNG.

⚙ Configurar cookies
0.14584493637085