O BNG de Ribadeo lamenta a "falta de rigor" da Concellería de Igualdade

AMariñaXa
No pleno extraordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foron aprobados os orzamentos de 2022 que ascenden a case 10 millóns de euros
bng ribadeo pleno xaneiro 2024
14 Feb 2024

Desde o BNG de Ribadeo queren expresar a súa preocupación polo "retroceso percibido nas políticas da Concellería de Igualdade do Partido Popular, e lamentamos a falta de rigor nas súas actuacións".

Así, os nacionalistas din que non é a primeira vez no que vai deste mandato municipal que amosan a nosa decepción e enfado coa deriva que están a tomar as políticas de igualdade do concello.

"Trala polémica da lamentable xestión dos puntos lilá no verán e un 25N sen propósito e mobilización efectiva, sorpréndennos agora cunha campaña de San Valentín cando menos desconcertante", din.

Nela convidan primeiro a reflexionar sobre o significado das relacións, para despois "sacar á palestra, e sen anestesia, o amor romántico", engaden desde o BNG, "ese amor no nome do cal tantas nenas e mulleres crecen e viven sometidas a ideais irrealizables, que condicionan a súa autoestima e a súa capacidade de establecer límites, aceptando que o amor é todopoderoso e por amor todo se soporta".

"Un departamento de igualdade debería ter claros certos conceptos porque ten unha responsabilidade social, non limitarse a unir palabras bonitas sen coherencia ningunha. Por se fose pouco, rematan o texto enlazando a celebración do 14 de febreiro cunha sorte de campaña publicitaria que asocia expresar o amor con facer regalos (comprados claro)", sinalan os nacionalistas ribadenses.

Continuando cronoloxicamente, "pasamos ao vindeiro 8 de Marzo, no que as mulleres de Ribadeo estamos convidadas a viaxar en igualdade gozando das augas termais dun spa, volvendo unha vez máis aquí á mestura de conceptos", engaden, "certamente semella que hai interese en que o Día Internacional da Muller nos poñamos a remollo e nos relaxemos caladiñas, non vaia ser que nos dea por saír ás rúas unidas e fortes a reivindicar  todo o que a sociedade aínda ten pendente con nós".

Dende o BNG de Ribadeo "apostamos sempre pola coeducación, por promover e visibilizar a importancia do papel das mulleres na sociedade e pola loita feminista, que continúa contra un patriarcado que segue a ollarnos dende a superioridade que el mesmo se outorgou".

0.16862297058105