O BNG de Ribadeo di que "o Goberno local dilapida os remanentes e que o concello non está limpo"
O BNG de Ribadeo lamenta que "o actual Goberno municipal se negue a ver a evidencia: a pesar do moito e mal que gastan, Ribadeo non está limpo como debería".
"Gobernar non consiste en estar constantemente mirando cara a atrás e proclamar aos catro ventos que o facemos mellor porque lle poñemos moi boa vontade. Gobernar non consiste en apelar a que, como gañaron as eleccións, o que se di vai á misa, e o que di a oposición non serve para nada. Por certo, o refrán di: non hai peor cego que o que non quere ver”, din os nacionalistas ribadenses, "e semella que ao Goberno municipal do PP lle parece que vai conseguir que non vexamos, nin ulamos, os colectores ao longo destes días de verán. Ou que a xente nas parroquias vexa como chegado o día da festa, non desbrozaron na súa parroquia".
Din que hai quen comeza a estar preocupado polo feito de que a auga escasea, e a súa actividade profesional labrega, gandeira ou industrial se poida ver prexudicada, "pero non entende que se siga a baldear a eito. Non hai racionalización do baldeado das rúas, tan só aparencia de que se fai moito. Resulta curioso que Daniel Vega pida esforzos á poboación contendo o gasto da auga e a súa concelleira, Elena Sierra, insista en que se vai seguir baldeando coa mesma intensidade que até agora. Que xulgue a xente se nalgunhas ocasións parece que non era imprescindible baldear pero noutras beirarrúas, como en Rosalía de Castro ou na avenida de Galicia, facía boa falta e non se nota para nada", engaden.
O goberno municipal do PP segue "envolto no seu bucle de reafirmarse na súa vitoria electoral e pensar que por iso xa ten toda a razón do mundo. E cre que vai poder dilapidar todos os remanentes ao chou", rematan dicindo.