O BNG de Ribadeo denuncia que o Goberno local abuse dos procedementos de urxencia
O BNG de Ribadeo repróchalle ao Goberno municipal que abuse dos procedementos de urxencia despois de entregar un informe "impreciso e incompleto, coa pretensión de dar cobertura a gasto desbocado", explican.
Así, din que o alcalde, ante a necesidade de dar cobertura a un gasto xa moi descontrolado, "intentou introducir unha proposta de transferencia de crédito para habilitar fondos para partidas de gasto xa moi excedidas. Pero o que aínda é máis grave é que, para lograr estes fondos, o alcalde pretenda que o diñeiro orzamentado para mantemento e rehabilitación do pavillón vello (de 85.000 euros) sexa destinado a atender gasto desmesurado".
Ironizan asegurando que "coa súa variña máxica de novo convenio, ou subvención que vai conseguir porque si, argumenta que non hai ningún problema por modificar esta partida de gasto orzamentado. As máis elementais normas de intervención económica a nivel municipal voaron polos aires ante a mirada atónita de todo o mundo. Di o alcalde que pouco importa, porque cando consiga ese convenio, subvención, ou o que fora, haberá máis diñeiro para o mantemento e reforma do vello pavillón. Pero o problema é que levamos escoitado non sabemos cantas promesas de convenios que nunca se materializan. Vai resultar que, canto máis se desboque o gasto no Concello de Ribadeo, máis van aumentar as promesas de convenios", critican.
Ademais, din que "acabamos comprobando que a incompetencia e as incongruencias do goberno municipal convértense en cuestións de urxencia, cando non en insinuacións veladas cara aos técnicos e técnicas municipais. Así ocorreu co asunto dunha multa que o Concello de Ribadeo vai ter que pagar por mor do espectáculo pirotécnico das festas patronais do 23. O alcalde de Ribadeo manifestou en sesión plenaria que os fogos de artificio do ano 23 foron realizados nun emprazamento distinto ao de anos anteriores. E dese xeito non se cumprían as características detalladas no informe realizado en anos anteriores, informe que o actual goberno enviou á Subdelegación do Goberno", informan. Así, sosteñen que "o espectáculo pirotécnico das festas patronais de 2023 fíxose sen autorización previa, polo que agora o goberno vai ter que pagar unha multa de 600 euros por esa infracción".
Desta maneira, o alcalde, Dani Vega, "agochouse detrás do traballo dos técnicos e técnicas municipais ao dicir que el se limitou a entregar os informes que lle deron os técnicos e técnicas municipais, pero quen en verdade fallou foi o propio goberno municipal, xa que se limitaron a copiar os informes anteriores, que si estaban ben feitos", conclúen.