O BNG denuncia o pouco tempo para preparar o pleno extraordinario

AMariñaXa
Traslada que se convocou con tres horas de antelación sen marxe para estudar a fondo os temas
pleno-bng-ribadeo
6 Nov 2024

O BNG de Ribadeo traslada que o pleno extraordinario deste martes 5 de novembro foi convocado sen garantías para os concelleiros e concelleiras da oposición, que tiveron que asistir ao mesmo sen tempo material para estudar a fondo os temas a debater.

Sinalan desde o BNG: “Se ás 16.22 horas se convoca a corporación para un pleno extraordinario a celebrar ás 20.00 horas, como vai dar tempo a ler, por exemplo, o informe técnico externo (de 151 páxinas) para unha modificación puntual do PXOM? Como imos poder defender a veciñanza se lle van subir as taxas da piscina, auga e sumidoiros e temos apenas dúas horas para ler os informes de intervención, tesouraría, secretaría, etc? Se non podemos estudalos polo miúdo, que é o noso deber, non podemos defender como é o debido a cidadanía”.

Trasladan os nacionalistas, que o alcalde quere impedir que cumpran co seu cometido como oposición. “Daniel Vega escúsase en que o anterior goberno tamén convocaba plenos urxentes. E pon como exemplo un que, segundo el, foi convocado das 12 do medio día para as 3 da tarde. Iso non é certo: foi convocado o día anterior. E a urxencia viña derivada pola necesidade do traslado dos usuarios e usuarias do Hospital-asilo municipal por mor da reforma destas instalacións. Tratábase de lle pedir á Xunta lealdade institucional para co concello e que cumprise coas súas obrigas. Ademais, motivábase a urxencia na propia convocatoria, non como ocorreu no pleno que nos ocupa, que non o facía. Ben diferente era o caso”, consideran os nacionalistas.

E engaden: “Moito nos tememos que, de novo, o concello se vai endebedar aínda máis. É tan descarado o asunto que o alcalde xa precisa andar con reviravoltas para que non se note moito a cousa. Si, de novo vai aumentar a débeda. A imperiosa necesidade de aprobar un crédito de 950.000 euros (que se suma a outro de 407.000 euros) para que entre en vigor antes de que remate o ano, demostra a delicada situación económica pola que debe estar a pasar o concello de Ribadeo. A partir do ano 2025 vólvense aplicar as regras de gasto. E se non lle saen as contas ao goberno municipal, o concello vaise ver abocado a un severo axuste financeiro”.

Pero inciden en que o que máis chama a atención é o feito de que este pleno puido ser convocado en tempo e forma. Manifestan que se sabían desde o anterior pleno do 22 de outubro que necesitaban facer este pleno do 5 de novembro para cumprir os prazos que alegan, por que non o convocaron o  venres, ou mesmo onte pola mañá? Por que agardaron até a tarde do día de celebración do pleno? “Cremos que foi algo intencionado: querían ocultar información”. Despois de dar o debate sobre esta situación, os concelleiros e a concelleira do BNG decidiron abandonar o pleno e non participar nin sequera na votación da súa urxencia.

A RESPOSTA DO ALCALDE

Para o rexedor, Dani Veiga : “Entre todos podemos mellorar Ribadeo, entre todos debemos sumar. Lamentamos a actitude doutro partido da oposición, que abandonou o pleno, non xustificando moi ben o porqué, tamén lamentamos que non asistira un concelleiro dese partido, entendemos que parece que hai algún tipo de problema, pero é que eu non entro nin a valorar nin a facer ningún tipo de comentario. Cada un sabe o que ten que facer, nós, por suposto, actuar, xestionar e así buscar esa inversión necesaria para mellorar o Ribadeo que queremos todos”.

0.11233997344971