O BNG de Ribadeo denuncia ante a Valedora do Pobo a “falta de transparencia” do Concello

O grupo municipal do BNG de Ribadeo presentou unha queixa formal ante a Valedora do Pobo pola negativa do Concello a facilitar información e documentación solicitada pola oposición. O portavoz nacionalista, Pablo Vizoso, explicou que a petición realizárase a comezos de setembro, pero que “a resposta do goberno local foi tan ambigua e imprecisa que parece ter como único obxectivo impedir o noso dereito a acceder aos expedientes municipais”.
Segundo sinalou Vizoso, o Concello estaría a incorrer nun comportamento “dilatorio e carente de transparencia”, co que se vulnera o dereito fundamental dos concelleiros a obter a información necesaria para exercer as súas funcións de control e fiscalización da xestión municipal. O portavoz do BNG lembrou que non é a primeira vez que se produce unha situación semellante, asegurando que “esta falta de colaboración repítese con frecuencia ao longo deste mandato”.
O representante nacionalista indicou que, neste caso concreto, o seu grupo solicitara coñecer o estado do expediente do programa Aprol Rural 2025, vinculado a unha subvención, así como acceder ás facturas de diversas empresas que obran en poder do Concello. “Se o goberno municipal non ten nada que ocultar, non debería ter problema ningún en entregar esa documentación”, apuntou Vizoso.
O edil insistiu en que “a cidadanía de Ribadeo debe estar preocupada, porque cada vez que desde o BNG pedimos información sobre facturas, contratos ou traballos, o Concello actúa sempre igual: ou non contesta ou pon escusas para negar o acceso á información”.
Vizoso concluíu reclamando “un exercicio real de transparencia” por parte do executivo local e lembrou que o dereito de acceso á documentación municipal é unha ferramenta básica para garantir o bo funcionamento democrático e o control político da administración.