O BNG de Ribadeo denuncia a perda de case 80.000 euros en subvencións municipais

AMariñaXa
Critican a falta de xestión do goberno local tras quedar sen unha nova axuda da Xunta por presentar a documentación fóra de prazo
BNG-Pablo-Vizoso-Ribadeo-2023
27 Mar 2025

O BNG de Ribadeo advirte dunha nova perda económica para o Concello tras quedar sen unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) por un importe de 32.865 euros. Segundo denuncian, a axuda correspondente ao ano 2024 foi rexeitada por presentar a documentación xustificativa fóra de prazo, o que supón un prexuízo para as arcas municipais, xa que o gasto xa estaba realizado.

Esta situación súmase á recente perda doutra subvención de 47.000 euros destinada ao arranxo do Parque dos Indianos, convenio que o propio alcalde anunciara en outubro de 2024, pero que non puido executarse ao non poder achegar o Concello a súa parte de 12.000 euros. En total, segundo o BNG, a cantidade de subvencións perdidas ascende a preto de 80.000 euros.

O voceiro do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso, criticou con dureza a xestión do executivo local: "Este é outro exemplo máis da incapacidade deste goberno. Levan case dous anos á fronte do Concello e demostran unha e outra vez que non saben administrar os recursos que teñen dispoñibles. Non serve de nada que haxa axudas se logo non son capaces de xestionalas correctamente".

Desde a formación nacionalista lamentan que estas perdas económicas afecten directamente aos servizos e infraestruturas municipais. "Este goberno sáenos moi caro a todos e a todas as ribadenses. Perder case 80.000 euros nun ano por unha mala xestión é algo inaceptable", concluíu Vizoso.

⚙ Configurar cookies
0.08055305480957